86% da poboación chega a fin de mes grazas aos aforros

7 de cada 10 persoas reducirá gastos no Nadal.
A Coruña é a cidade galega co prezo máis alto do aluguer (Foto: Luna Marina).
photo_camera A Coruña é a cidade galega co prezo máis alto do aluguer (Foto: Luna Marina).

A inflación e o contexto actual provocaron que a poboación galega estea a perder poder adquisitivo. Tanto é así que 61% da cidadanía da Galiza, un punto porcentual por riba da media do Estado español, ten máis dificultades que hai un ano para chegar a fin de mes a pesar de ter reducido os gastos do orzamento familiar en tres ámbitos: enerxético, financeiro, e de alimentación e lecer.

No bloque enerxético, case a metade das galegas e galegos afirma ver como as súas facturas de luz e de gas subiron máis de 20% en 2022. Neste aspecto, 44% da cidadanía está a limitar o seu consumo ao imprescindíbel e 35% axústase ás faixas horarias enerxéticas máis baratas.

Estas son algunhas das principais conclusións que se extraen do informe que vén de realizar a división de fogar da empresa Línea Directa Aseguradora baixo o título de Os fogares españois ante a inflación en 2022: gasto e aforro familiar no actual escenario económico.

78% da poboación reducirá o gasto en lecer

Por outro lado, este Nadal será diferente para moitas familias galegas, pois 66% das persoas reducirán os seus gastos estas festas, limitando o orzamento á comida e aos agasallos. Esta tendencia continuará o próximo ano porque 78% da poboación do país ten intención de recortar o seu gasto en lecer en 2023, principalmente reducindo as comidas fóra de casa e os gastos en roupa e viaxes.

A situación económica provocou que as finanzas persoais se teñan visto resentidas. Segundo este estudo, 86% dos galegos e galegas (seis puntos porcentuais por riba da media estatal) afirma ter que acudir aos seus aforros nalgún momento para chegar a fin de mes.

Para elaborar o estudo, realizáronse 1.716 entrevistas no conxunto do territorio do Estado español entre o 18 e o 25 de outubro de 2022, sendo as persoas entrevistadas homes e mulleres de 18 a 75 anos. Realizouse unha distribución con cotas por xénero, idade e autonomía de residencia. 

Os resultados globais están ponderados segundo a mostra proporcional da poboación do Estado español de 18 a 75 anos por autonomía, así como por xénero e idade para dar resultados globais que reflictan a realidade do perfil obxecto do estudo. O informe conta cun nivel de confianza de 95%.

O prezo do aluguer na Galiza subiu 1,64% nun ano

O prezo medio do aluguer na Galiza situouse nos 5,59 euros por metro cadrado en novembro, o que supón 1,64% máis que no mesmo mes de 2021, segundo o informe mensual publicado esta segunda feira polo portal inmobiliario pisos.com. A cidade da Coruña presentou a renda de aluguer máis elevada da Galiza, con 9,25 euros o metro cadrado, 2,5% máis que en outubro.

Comentarios