15% dos fogares non pode acceder a alimentos esenciais

A Tarxeta Básica e o carácter "insolidario" dos orzamentos da Xunta para 2023 marcaron a sesión de control ao presidente galego no Parlamento. Un debate sobre o que pairou a crise de prezos e que se traduce en datos como ese 15% de fogares galegos que non se pode permitir alimentos básicos.
Traballadora e traballador nunha praza de abastos (Federación de comercio da Coruña).
photo_camera Traballadora e traballador nunha praza de abastos (Federación de comercio da Coruña).

O presidente galego, Alfonso Rueda, reiterou esta cuarta feira no Parlamento que non se recuperará a Tarxeta Básica, medida que beneficiaba 35.000 familias —75.000 persoas en total— vulnerábeis. Fíxoo durante a sesión de control e en resposta ao portavoz na Cámara do PSdeG, Luís Álvarez, que anunciara unha emenda ao proxecto de orzamentos para 2023 para recuperar esta prestación.

Unha sesión na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou Rueda a "retirar" eses orzamentos "insolidarios" e "insolventes" e a elaborar uns novos orzamentos para 2023, "acaidos á realidade". Unha realidade marcada por datos como os da Enquisa de condicións de vida do Instituto Nacional de Estatística (INE) a respecto de 2021, e que cifra en case 15% os fogares da Galiza que non poden permitirse comer carne, polo ou peixe mínimo dúas veces á semana, cando a media no Estado é de 5,5%. En 2019 esa porcentaxe na Galiza era de 9%, seis puntos menos. 

A crise de prezos e a inflación, pois, protagonizou un debate no que o BNG e o PSdeG acusaron o Goberno galego de non ofrecer solucións a esa problemática. Pontón reprochoulle a Alfonso Rueda que actúe "como Robin Hood pero ao revés: cunha man sácalle a Tarxeta Básica a 75.000 persoas e coa outra rebaixa o imposto de Patrimonio a 7.700 ricos". "Hai 687.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social", apuntou Luís Álvarez.

Baixar impostos

O titular da Xunta defendeu o "compromiso" do seu Goberno coas persoas afectadas pola crise. Cifrou en 170 millóns os euros que en 2023 destinará o Executivo a actuacións de inclusión social e enumerou diferentes medidas, desde o bono social térmico até axudas para aluguer. Mesmo situou nese compromiso a política do Goberno galego de baixar impostos: "Serve para que a xente poida ir á compra e encher o cesto", afirmou.

Pontón botou unhas contas que lle dan un resultado diferente. Unhas contas nas que, criticou, o Goberno "vai subir o lixo e a auga a miles de familias" e nas que as rebaixas de impostos defendidas por Rueda "permiten aforrar 50 euros ao ano ás rendas de menos de 50.000 euros e 500 euros ao ano ás rendas de máis de 60.000 euros". 

Nesa liña, Luís Álvarez lembroulle a Rueda que hai 167.234 persoas en privación material e social severa e emprazou o Goberno galego a que “teñan empatía coas persoas máis necesitadas, adopten medidas de xustiza social, aposten pola equidade social con medidas reais e sexan solidarios porque poden facelo”.

O presidente galego insistiu: non volverá a Tarxeta Básica. "As solucións para a Galiza da inflación non poden ser as mesmas que para a da pandemia", defendeu, para a seguir pasar ao ataque: "Fale co ministro Escrivá e dígalle que non é de recibo que un de cada tres demandantes non recibe o Ingreso Mínimo Vital por problemas burocráticos", díxolle a Álvarez. Ademais, acusou Pontón de criticar os orzamentos da Xunta "e apoiar os do Goberno estatal" —"sería histórico que viñese aquí dar solucións e non atacar a miña persoa", respondeulle a líder da oposición—. A portavoz nacionalista reprochoulle que os orzamentos para 2023 sexan "insolventes" por partir o Goberno galego dunhas previsións de emprego e crecemento do PIB "que xa desmentiron os expertos".

A proposta de Pontón de retirar o proxecto de orzamentos para elaborar unhas novas contas non tivo resposta. Mais Rueda quixo facer o anuncio final: Sogama bonificará 15% no recibo aos Concellos que se comprometan a pór o quinto colector, "o marrón", para separar residuos. Un anuncio co que procura calmar o crecente malestar nos municipios pola supresión por Sogama para 2023 do 15% da bonificación por reciclaxe.

Comentarios