O prezo dos alimentos marca a súa maior suba da serie histórica ao alcanzar 14,8%

O IPC interanual galego, de 7,8%, supera en medio punto o estatal
Os legumes e hortalizas frescas ou refrixeradas experimentaron un incremento de prezo interanual de 25,7% (Foto: Laia Solanellas / Europa Press).
photo_camera Os legumes e hortalizas frescas ou refrixeradas experimentaron un incremento de prezo interanual de 25,7% (Foto: Laia Solanellas / Europa Press).

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) medrou en outubro na Galiza 0,5% con respecto ao mes anterior, unha alza dúas décimas porcentuais superior á experimentada no Estado español.

Tamén en termos interanuais, en relación co mesmo mes do exercicio anterior, a inflación na Galiza ascende por riba da media do Estado, alcanzando unha taxa de 7,8%, medio punto porcentual superior á estatal.

Mentres o IPC galego medra en termos mensuais, cae na súa taxa interanual desde a cifra de 9,2% do mes de setembro. Porén, como certifica a variación mensual, esta desaceleración non responde a unha caída dos prezos, senón á comparativa co mes de outubro de 2021, cando a escalada de prezos xa alcanzaba 5,7%, a taxa máis alta dese ano até aquel momento.

De feito, o incremento dos prezos na Galiza prodúcese a pesar da importante baixada no grupo de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis, que experimentou unha variación negativa con respecto ao mes de setembro de 6,5%.

O prezo dos alimentos e das bebidas non alcólicas tamén continúa o seu incremento un mes máis, alcanzando un custo 1,6% maior do experimentado no mes anterior. Este apartado sofre a maior suba en termos interanuais, é dicir, a alimentación foi en outubro 14,8% máis cara que no mesmo mes do ano 2021. De feito, a suba interanual do prezo de alimentos e bebidas, tanto na Galiza como no Estado español (15,4%), marcou o récord da serie histórica (desde 2002).

Coa chegada do inverno e das baixas temperaturas, unha das principais complicacións que experimentarán as familias galegas será a da renovación da roupa de abrigo, pois os prezos do apartado de roupa e calzado subiron no último mes 10,8%, máis de dous puntos porcentuais da alza no conxunto do Estado español (8,5%).

A Galiza tamén sofre a suba dos servizos e produtos de transporte, que incrementaron o seu prezo con respecto ao mes anterior en 1,8%, catro décimas porcentuais máis que a taxa no Estado (1,4%). A suba escala até 10% se a comparación se fai con respecto ao mes de outubro de 2021.

Os móbeis, os artigos do fogar e os artigos para o mantemento corrente do fogar incrementaron o seu prezo en 0,4%, acumulando unha suba interanual de 8,3%, e os elementos de sanidade aumentaron 0,4% mensual e 2,1% interanual. Os únicos produtos e servizos que diminuíron o seu custo en outubro con respecto ao mesmo mes de 2021 foron os das comunicacións (-1,9%) e da ensinanza (-1,3%).

Tipos de alimentos

O INE non ofrece datos desagregados dos diferentes grupos de alimentos para a Galiza. No conxunto do Estado, os que máis subiron no último ano son o azucre (42,8%), os legumes e hortalizas frescas ou refrixeradas -excepto as patacas e outros tubérculos- (25,7%), os ovos (25,5%), o leite (25%), os aceites e graxas (23,9%) e os cereais (22,1%).

O azucre tamén lidera a suba de prezos con respecto ao mes de setembro, de 27,2%. Destaca o incremento das froitas frescas e refrixeradas, que alcanzou 10%. Ségueas no índice de alza mensual os legumes e hortalizas frescas ou refrixeradas, que incrementaron o seu custo 8,3%.

A inflación subxacente segue á alza e ascende a 6,2%

A inflación interanual subxacente, da que o INE tan so ofrece datos a nivel estatal, ficou en 6,2%, cunha diferenza porcentual de tan só 1,1 puntos con respecto á inflación global do Estado, o que se traduce nun encarecemento do custo da vida estrutural aínda excluíndo os efectos dos elevados prezos da enerxía, dado que estes non se teñen en conta neste indicador estatístico, como tampouco o dos alimentos non elaborados. 

A crise fai caer o consumo de marisco e peixe fresco

O consumo de produtos frescos caeu 3,2% este ano no Estado español, debido á contención no gasto das persoas consumidoras, segundo os datos presentados por IRI Worldwide na xornada 'Perspectivas en Produtos Frescos 2023', organizada pola asociación de fabricantes e distribuidores Aecoc.

A análise por produtos mostra que o marisco (16,1%), o peixe (10,9%) e as verduras e hortalizas (4,1%) son as categorías de frescos máis afectadas pola caída no volume de vendas, todos eles bens dos que a Galiza é un importante produtor e exportador. O informe realizado por IRI Woldwide tamén sinala que as vendas en promoción supoñen 19,4% da facturación dos produtos frescos.

Comentarios