62% da potencia eólica galega instalouse antes do ano 2005

A consultora Deloitte vén de presentar un estudo sobre a antigüidade das instalacións eólicas no Estado español e as posibilidades abertas co impulso das repotenciacións. Neste sentido, considéraas como unha vía para aumentar a capacidade de xeración renovábel e reducir o impacto social e ambiental dos complexos eólicos.

Muíños de enerxía eólica na serra de Candán, comarca do Deza. (Foto: Arxina)
photo_camera Muíños de enerxía eólica na serra de Candán, comarca do Deza. (Foto: Arxina)

Galiza conta co parque eólico máis antigo de todo o Estado español. Segundo as cifras achegadas por Deloitte, 2.407 megawatts (MW) instalados no país son anteriores a 2005, o que representa 62% de toda a potencia eólica emprazada na Galiza. Neste sentido, evidencia a falta de compromiso investidor dos operadores de renovábeis para avanzar cara a instalacións máis eficientes, estando en funcionamento no país complexos eólicos con máis de 30 anos.

A antigüidade das instalacións galegas supera de modo claro as cifras rexistradas noutras comunidades do Estado. A este respecto, Deloitte sinala que con anterioridade a 2005 estaban operativos en Castela-A Mancha 2.006 MW, 1.739 MW en Castela e León e 1.3015 MW en Aragón. Precisamente, estas tres comunidades canda Galiza e Nafarroa, con 895 MW, posuían 85% de toda a capacidade de xeración eólica operativa no espazo estatal hai 18 anos.

O mesmo acontece cos aeroxeradores: os 171 complexos eólicos galegos anteriores a 2005 contan con 3.300 aeroxeradores, cunha media de 19 por instalación e cunha potencia de conxunto por máquina de 0,7 MW. A capacidade dos aeroxeradores instalados en 2021 situouse en 4,2 MW, o que representa unha diferenza de 3,5 MW.

A fenda nesta materia con outros territorios do Estado é, tamén, importante. Así, os 2.031 aeroxeradores operativos nas 124 centrais eólicas de Castela e León anteriores a 2005 dispoñen dunha potencia media de 0,9 MW. Ao tempo, en Castela Mancha funcionan 2.049 aeroxeradores con máis de 18 anos e en Aragón 1.675 máquinas instaladas en complexos eólicos dese período.

Os promotores eólicos teñen dado poucos pasos no ámbito da repotenciación. A este respecto, denuncian que a normativa vixente na Galiza dificulta esa posibilidade ao limitar a distancia entre os complexos eólicos e os núcleos de poboación. Porén, desde o campo ecoloxista explican que a ausencia de proxectos neste ámbito responde a unha decisión das eléctricas para maximizar os beneficios dos seus complexos, pois teñen amortizado o investimento sen afrontar o gasto da repotenciación.

Axudas da UE

A Unión Europea, dentro da súa planificación enerxética, insta os Estados membros a apostar polas repotenciacións dos antigos complexos eólicos. Nesta liña, as autoridades comunitarias veñen de habilitar liñas de axuda para financiar estas actuacións, destinando ao Estado español subvencións por unha contía de 250 millóns de euros. Neste contexto, é de agardar que as compañías titulares dos complexos eólicos aproveiten estes fondos para acometer diversos proxectos neste ámbito.

O documento de Deloitte sinala que “unha planificación de rede adaptada á repotenciación xeraría un incremento do seu potencial para aproveitar os mellores emprazamentos, multiplicando a capacidade instalada e os beneficios do sistema”.

Comentarios