As portas xiratorias entre a Presidencia da patronal eólica e a Xunta da Galiza

As portas xiratorias entre o sector público e o privado explican o desenvolvemento da enerxía eólica na Galiza. José Manuel Pazo Paniagua entrou en contacto coa eólica a través de Xestenga S.A., empresa pública da Xunta da Galiza, e desde 2016 ocupa de modo ininterrompido a Presidencia  da patronal eólica.

José Manuel Pazo Paniagua, presidente da Asociación Eólica da Galiza. (Foto: EGA)
photo_camera José Manuel Pazo Paniagua, presidente da Asociación Eólica da Galiza. (Foto: AEG).

José Manuel Pazo Paniagua (O Carballiño, 1960) é a voz e a cara da patronal eólica galega. Presidente da Asociación Eólica da Galiza (AEG) desde 2016, destaca pola súa intensa axenda pública, sendo habitual a súa presenza nos medios de comunicación para defender as propostas da súa entidade, tratar de condicionar a política enerxética galega e cargar contra decisións que non responden aos intereses do seu colectivo. Concretamente, nos últimos meses tense caracterizado polas duras críticas ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e aos seus maxistrados.

A súa primeira etapa á fronte da Asociación Eólica da Galiza arrancou en 1997, ano da fundación do colectivo, e demorouse até 2007. Precisamente, parte deste período coincidiu con algúns dos anos máis escuros do sector, até o punto de rematar cunha investigación xudicial que chegou até o director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta da Galiza entre 1999 e 2005, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia, un dos empresarios máis beneficiados polas concesións eólicas nese período. Entre 1995 e 2005, instaláronse na Galiza 2.500 megawatts, xerándose un negocio de 1.200 millóns de euros só en revendas de concesións eólicas.

A compañía Eurus

Pazo fai parte da directiva da patronal eólica como representante das compañías Eurus e Punta Saleta. Eurus Energy é un grupo propiedade da enerxética xaponesa Tokio Electric Power, dona da central nuclear de Fukushima I e da multinacional desa mesma nacionalidade Toyota Tsusho Corporation, que conta con 13 instalacións eólicas na Galiza, a maior porcentaxe delas na  Costa da Morte. Nesa compañía, o presidente da patronal eólica desenvólvese como asesor xeral para o Estado desde 2008, sendo considerado desde hai anos a persoa de referencia do capital xaponés no negocio enerxético ibérico.

A traxectoria como directivo empresarial de Pazo comezou en 1996. Así, entre setembro dese ano e 2008, exerceu como director xerente de Eurovento, unha sociedade propiedade da mercantil Tripower Wind B.V., empresa con enderezo social nos Países Baixos e participada a 50% pola xaponesa Eurus e a madrileña Acciona, propiedade da familia Entrecanales, que apareceu nos papeis do ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas como unha das compañías que financiaron o PP galego na época de Manuel Fraga. Ao tempo, o presidente da patronal eólica ocupou responsabilidades na corporación eólica Cesa, mercantil que tiña como principal accionista Juan Luis Arregui, propietario da pasteira Ence.

A ligazón de Pazo co sector eólico remóntase a 1986. Nese ano, este perito industrial da Universidade de Vigo entrou a traballar en Xestión Enerxética da Galiza S.A. (Xestenga S.A.), unha sociedade pública constituída en 1983, onde o Goberno galego posuía 85% do seu capital, ao corresponder 42,5% do mesmo á propia Xunta da Galiza e o outro 42,5% á Sociedade para o desenvolvemento industrial da Galiza (Sodiga), tamén propiedade da Administración galega. Nesa perspectiva, Xestenga era considerada a todos os efectos parte do sector público galego e sometida a fiscalización polo Consello de Contas da Galiza.

Xestión Enerxética da Galiza S.A. desenvolveu un intenso labor desde 1986 para determinar os recursos enerxéticos endóxenos da Galiza. A partir dese exercicio e nos primeiros anos da década dos 90, levou a cabo o traballo de medición da intensidade do vento nas diversas comarcas do país, para determinar que áreas eran máis rendíbeis para a produción eólica.

O resultado destas actuacións foi para elaborar unha sorte de atlas da calidade do recurso do vento que durante anos custodiou o Inega. Asemade, Xestenga fixou as liñas chaves da política eólica, xogando un papel central na definición das Áreas de Desenvolvemento Eólico, finalmente repartidas en 1997 entre os distintos operadores.

Pazo fixo parte do cadro de persoal de Xestenga entre 1986 e 1996. En relación a estes anos, sinalaba o 5 de xaneiro de 2020, nunha entrevista en La Voz de Galicia: “Eu traballaba para Xestenga (Xestión Enerxética de Galiza) que era unha sociedade da Xunta e do Estado, polo que xa estiven na colocación das primeiras torres de medición eólica a principios dos 90. Eran uns equipos carísimos que viñan de Estados Unidos, elixíronse cinco emprazamentos e os catro primeiros foron Paxareiras, Corme, Cedeira e Malpica. Tamén nos 90 estiven en Camariñas”.

Paxareiras

O desenvolvemento eólico de Paxareiras, en Mazaricos, Carnota, Muros, Dumbría e Cee, foi adxudicado pola Xunta a mediados dos 90 a Eurovento, empresa onde Pazos exerceu durante unha década de director xerente. Xestenga, antecedente Instituto Enerxético da Galiza (Inega), rematou disolvida no ano 2000, pasando o seu persoal e equipos ao Inega, organismo fundado en 1999, que asumiu as súas funcións e competencias. Hoxe, os eólicos Paxareiras I e Paxareiras II son propiedade de Eurus, cuxa sede social para a Europa atópase nos Países Baixos, considerado polos expertos como o paraíso fiscal máis agresivo da UE. Nós Diario púxose en contacto co gabinete de prensa da patronal eólica, que declinou facer declaracións sobre o contido desta crónica.


O camiño de volta desde o Goberno galego ás compañías do sector eólico

José Manuel Pazo Paniagua non é unha excepción na directiva da patronal eólica galega. Ao seu carón, no máximo órgano de Goberno da Asociación Eólica da Galiza (EGA) atópanse outras persoas que ocuparon responsabilidades na definición da política enerxética do país, antes de saltar ao sector privado. Un dos casos máis coñecidos é o de Beatriz Mato, vocal da directiva de EGA en representación de Greenalia, unha das compañías con parques paralizados por resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Beatriz Mato é un exemplo paradigmático de portas xiratorias na Galiza. Ligada ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) desde 1994, responsábel da súa delegación territorial na Coruña a partir do ano 2000, delegada da Consellaría de Pesca na Coruña entre 2002 e 2005, parlamentaria entre este último ano e 2009 na Cámara galega, conselleira de Traballo e Benestar nos dous primeiros Gobernos de Feixoo, conselleira de Medio Ambiente entre 2015 e 2018, saltou á dirección de Greenalia en 2020, após unha tentativa frustrada de lograr a Alcaldía da Coruña para o PP.

O camiño de Mato percorreuno con anterioridade Antonio Couceiro, conselleiro de Industria e Comercio entre 1994 e 1999 e con  responsabilidades en Greenalia. Director de Xestur na Coruña entre 1981 e 1990, director xeral de Emprego entre 1993 e 1994, senta no consello de administración da eléctrica desde 2017. Couceiro dirixiu a política enerxética da Galiza nos primeiros anos da despregadura das renovábeis no país.

Comentarios