O cesto básico da compra segue á alza: así encareceron os alimentos no último ano

Asufin mostra a súa preocupación pola concertación de prezos en determinados produtos como o arroz, o aceite de oliva ou o leite.
Un home facendo a compra nun supermercado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Un home facendo a compra nun supermercado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O cesto básico da compra no Estado español encareceu en 2023 por volta de 1,89%, a pesar do IVE bonificado aprobado polo Goberno, pasando dunha media de 33,67 euros aos 34,31 euros, segundo informa esta quinta feira a Asociación de Usuarios Financeiros (Asufin) nun comunicado. En concreto, de non aplicarse a baixada do IVE, os prezos dos alimentos subirían 6,27%, até os 36,46 euros, polo que Asufin sinala que a medida non obrou o efecto desexado de descenso, pero si contribuíu a amortecer a repunta en moitos dos produtos.

A asociación constata que esta medida, aplicada a finais de 2022, que supuxo a rebaixa do IVE contribuíu a que os prezos iniciasen unha senda á baixa até o primeiro trimestre, que se truncou a partir de abril, cando emprenderon un aumento que levou a que en outubro xa se superase o nivel de prezos anterior á baixada do IVE, e en novembro e decembro terminase por consolidarse esa tendencia. Aliás, Asufin mostrou a súa preocupación pola concertación de prezos en determinados produtos, como o arroz, o aceite de oliva ou o leite.

Desta forma, no caso do arroz, as diferenzas de prezos durante este ano entre as cinco cadeas foron de só 0,3%. De feito, decembro fechou con catro das cinco a 1,30 euros o quilo na súa marca branca, e só unha, Alcampo, cun prezo diferente, de 1,29 euros, un céntimo máis barato. Para o aceite de oliva, Asufin detectou tamén prezos similares, con 0,5% de diferenza, con todas a 9,25 euros o litro agás Dia, con 9,45 euros, mentres que co leite todas as cadeas fecharon o ano cun prezo de 5,46 euros os seis litros, menos Alcampo, con 5,4 euros, un céntimo menos.

No lado contrario, son especialmente as froitas e verduras, moitas veces produtos reclamo con ofertas puntuais, as que mostraron maiores diferenzas ao longo do ano con até 20,1% en patacas, un 19,6% en plátanos ou un 19,2% en ovos. Un dos produtos que máis incrementou o seu prezo foi o aceite de oliva, que é o principal causante da suba de prezos do cesto básico cunha alza de 51,4% neste ano. Pero non é o único, xa que os ovos tamén se elevaron de forma relevante con 8%, seguidos de froitas e verduras, con 6,9%.

O resto das categorías tiveron unha evolución negativa, destacando o aceite de xirasol, cunha caída de 38,1%, a fariña (-26,40%) e as pastas (-17,9%), que tiveron unha suba moi importante en 2022 como consecuencia da guerra de Ucraína.

Por cadeas, a asociación tamén detectou diferenzas importantes, de até 10,07% entre o máis caro, El Corte Inglés, con 35,92 euros para o cesto básico, e o máis barato, Alcampo, con 32,30 euros. Con todo, esta última distribuidora, cunha suba de 6,53%, é o que máis encareceu a compra básica, seguido de Carrefour (1,51%), El Corte Inglés (1,21%) e Mercadona (0,86%), mentres Dia é a única cadea cunha moi tímida baixada de prezos, de -0,06%.

Comentarios