A inflación medra 0,3% en xaneiro pola suba do prezo da luz

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta terza feira un adianto do Índice de Prezos de Consumo (IPC) de xaneiro no que sinala un aumento da inflación como consecuencia do encarecemento da electricidade. Os datos galegos sairán o 15 de febreiro.
Torres de liñas de alta tensión (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Torres de liñas de alta tensión. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

A inflación no Estado español aumentou 0,1% en xaneiro con respecto ao mes anterior e 0,3% con respecto ao mesmo mes de 2023, quedando en 3,4%. É o dato que achegou esta terza feira o Instituto Nacional de Estatística (INE) do Índice de Prezos de Consumo (IPC) no seu adianto mensual. Este crecemento, explica na súa análise este organismo, débese ao encarecemento da electricidade -unha vez eliminadas as medidas anti inflación do Goberno español- e tivo lugar malia a diminución do prezo dos carburantes que, pola contra, diminuíron este mes de xaneiro. 

O INE, ademais, incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en xaneiro baixou dúas décimas, até 3,6%, taxa dúas décimas superior á do IPC xeral e a máis baixa desde marzo de 2022. Da mesma maneira, informou da nova poderación que terá este indicador este 2024. Nel gañarán peso lecer e cultura pasando dunha porcentaxe do 7,87 ao 8,59, seguido de restaurantes e hoteis (de 13,24 a 13,93), transporte (de 13,80 a 14,38), comunicacións (de 3,24 a 3,35) e vestido e calzado (de 3,93 a 3,95). Pola contra, vivenda é o grupo que máis peso perde, pasando de representar unha porcentaxe do 12,68 en 2023.

En relación aos datos definitivos, nos que entrarán tamén os que concernen á Galiza, anunciaranse o vindeiro 15 de febreiro. No caso galego, o país rematou 2023 cunha tendencia alcista e unha inflación de 3,2%, unha décima máis que o conxunto do Estado español, que finalizou o ano marcando 3,1%. Daquela, os protagonistas do IPC galego foron os alimentos, cunha suba interanual que chegou a 7,2%, xunto coa hostalaría, que aumentou 6,2%, e o transporte, que rematou o anocun aumento de 4,4%. 

Situación volátil

Co avance do IPC interanual, a inflación no Estado español volve rexistrar ascensos tras dous meses consecutivos de caídas. O profesor da USC e coordinador da liña de investigación en economía do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Diego Sande Veiga, sinala a Nós Diario que para analizar os datos do INE é importante ter en conta as diferentes porcentaxes que achega a inflación xeral e a inflación subxacente.

“A primeira trata de recoller na cesta de produtos o consumo medio e a segunda incide no curto prazo, con independencia de situacións puntuais que teñen as economías”, explica. Por este motivo, a longo prazo, este economista considera que o incremento do IPC estatal “apunta cara un encarecemento da cesta media da cidadanía, fundamentado pola electricidade e, a curto prazo, decrece”. Na súa valoración entende que “a economía estatal segue na senda do control da inflación mais con elementos que alteran os petos dos consumidores” polo que “a situación pode cambiar en calquera momento”.  

Con respecto á Galiza, este economista considera que, “ao contar con rendas máis baixas, o gasto dos seus recursos concéntrase en produtos como a alimentación ou a enerxía”. Por este motivo, na diferenza entre inflación xeral e subxacente, “cando soben estes mesmos gastos, aínda máis nunha poboación dispersa como a nosa, a afectación é maior”. 

O PIB medra 2,5% no Estado, por riba do galego

O INE tamén deu a coñecer esta terza feira o Produto Interior Bruto (PIB) do Estado español ao remate de 2023. Os datos facilitados por este organismo indican que creceu un 2,5%, tras anotarse no último cuarto do ano un aumento trimestral de 0,6%, dúas décimas máis que no trimestre anterior e coa súa maior alza trimestral desde o segundo trimestre de 2022. 

Na Galiza, pola súa parte, o último dato é o do terceiro trimestre de 2023. Nese período anotou unha suba de 1% anual (1,8% no Estado) mais caendo un 0,3% en relación ao segundo. Este mesmo mes o Foro Económico da Galiza indicou que, na súa previsión para o ano pasado, o PIB do país tería un aumento para 2023 de ao redor de 1,5%, lonxe de 2,5% estatal. 

Coincidindo coa publicación dos datos do PIB por parte do INE, o Fondo Monetario Internacional (FMI) anunciou esta terza feira tamén unha revisión de dúas décimas á baixa a súa previsión de crecemento para a economía española en 2024, até 1,5%, mentres que confirmou en 2,1% o seu prognóstico de outubro para 2025, segundo a actualización do informe Perspectiva Económica Mundial.

Con este dato do PIB anual, os salarios de máis de tres millóns de empregadas e empregados públicos do Estado español incrementaranse cun 0,5% adicional desde 2023, xa que o crecemento do PIB confirmado superou as estimacións que realizou no seu momento nunha décima. Unha vez aprobado polo Consello de Ministros e Ministras, o salario deste colectivo en 2023 rematará cun aumento de 3,5%, o mesmo que tivo en 2022. En principio, o acordo salarial para 2023 recollía un incremento fixo de 2,5%, pero incluía dúas suas adicionais de 0,5%, unha delas ligada á inflación.


As medidas estatais e os conflitos internacionais

Tras o aumento do prezo da electricidade estaría a finalización das medidas emprendidas para rebaixar a factura enerxética durante 2022 e especialmente durante 2023. Desde xaneiro de 2024, algunhas destas medidas de protección desapareceron e outras se reduciron para seguir facéndoo paulatinamente ao longo de 2024. É o caso da fiscal do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) na factura eléctrica que pasou de 5% a 10% durante todo 2024.  Neste punto, Diego Sande é escéptico. “Aparentemente ese pode ser o motivo mais poden xogar outros factores, hai que tomalo con prudencia”, considera.  

Entre os factores que poden xogar un papel importante na inflación, Sande lembra a Nós Diario os conflitos “que inciden de maneira directa e indirecta na economía”. Neste sentido, lembra a situación actual coa continuidade da guerra en Ucraína e a situación no Mediterráneo. “A dificultade de que cheguen determinados produtos afecta ao comercio, con riscos para navieiras e distribuidores, terá unha repercusión no prezo final que chegue ao consumidor sobre todo en produtos que teñen que pasar por esas zonas”, asegura este economista.

Comentarios