O IPC acelera no arranque de ano até 3,4% no Estado, tres décimas máis

A inflación subxacente modérase a 3,6%.

Os alimentos e as bebidas non alcólicas son a tipoloxía de produtos que máis encareceron en 12 meses, cunha taxa de 15,6% (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu 0,1% en xaneiro en relación ao mes anterior no conxunto do Estado e elevou tres décimas a súa taxa interanual, até 3,4%, debido ao encarecemento da electricidade, segundo os datos avanzados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que precisou que, en sentido contrario, os prezos dos carburantes diminuíron en xaneiro.

Co avance do IPC interanual no arranque do ano, a inflación volve rexistrar ascensos tras dous meses consecutivos de caídas e sitúase no seu nivel máis alto desde o pasado mes de outubro, cando alcanzou o 3,5%.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en xaneiro baixou dúas décimas, até 3,6%, taxa dúas décimas superior á do IPC xeral. O INE publicará os datos definitivos do IPC de xaneiro o próximo 15 de febreiro.

A Galiza rematou 2023 cunha inflación de 3,2%, unha décima máis que o conxunto do Estado español, que finalizou o ano marcando 3,1%, segundo as cifras publicadas esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Os protagonistas destes datos no Índice de Prezos de Consumo (IPC) galego foron os alimentos, cunha suba interanual de 7,2%, a hostalaría, que aumentou 6,2%; e o transporte, que rematou con 4,4%.

As alzas internauais tamén estiveron presentes noutros apartados como o de bens e servizos (3,9%), comunicación (3,1%), ensino (2,8%), nos de mobiliario, bebidas alcohólicas e lecer (2,6% nos tres casos), medicina (1,8%) e vestido (1,2%). A única baixada do ano, a nivel galego, foi a da vivenda (-6,5%) que se sumou ás que tiveron lugar en todo o Estado español no apartado do gas (-20,3%) e na electricidade (-17,3%).

Na alimentación, no conxunto do ano, os maiores encarecementos foron os do aceite de oliva (54,6%), outros aceites e graxas (36,3%), legumes e hortalizas frescas (13,2%), froita (11,8%), porcino (12,3%) e ovino (9,7%). 

Comentarios