Un punto colorido

Envelope e etiqueta de conservas Pita de 1937 (Foto: Pepe Barro).
photo_camera Envelope e etiqueta de conservas Pita de 1937 (Foto: Pepe Barro).

Mergullámonos nun tempo no que comezaba o que hoxe chamamos identidade corporativa. Velaquí as modestas pezas de comunicación de fábricas e empresas, utilizando inicialmente o correo postal como medio, todo ligado ao escaso desenvolvemento tecnolóxico nas artes gráficas no noso país. Situámonos na Galiza de mediados do século XIX, cando xorden as pequenas etiquetas comerciais, das que traemos unha mostra, por cortesía do coleccionista e erudito coruñés Andrés García Pascual que, como no caso das marcas prefilatélicas, permítenos reproducir unha parte da súa colección, tirando proveito ademais do seu estudo sobre as mesmas, publicado en 2018, nun opúsculo editado por Subastas Europa.

Naquel tempo, mediados do século XIX, moitos comercios, fábricas ou profesionais utilizaban aínda, como maior avance gráfico na comunicación postal, a estampación dun carimbo de caucho co seu nome. Pero é agora cando os viaxantes de comercio comezan a percorrer vilas e cidades representando imprentas que ofrecen deseñar e imprimir pequenas etiquetas colantes, que cos anos vanse facendo máis requintadas no deseño e engaiolantes nos acabados de impresión. Só dúas etiquetas da colección García Pascual presentan pé de imprenta: Artes Gráficas Gijón, na de Fancisco Jañez, de 1928, e Litografía Roel, na de Conservas Pita, de 1937.

Lembremos que as papelarías corporativas impresas, xa con algúns motivos alegóricos, non aparecen até os últimos anos do século XIX e só en contadas empresas que precisan e procuran maior proxección social, caso de Mondariz, que crea un símbolo de identidade no derradeiro ano dese século. Velaquí pois este pequeno avance na comunicación corporativa que podía ser asumido con pouco custo e acadaba un certo impacto visual, un pequeno punto colorido, de fasquía industrial, elegancia pura, dentro dunha correspondencia de elaboración artesá, mesmo que, no inicio do século XX, comezaran a aparecer as primeiras máquinas de escribir.

As etiquetas reprodúcense aquí ao seu tamaño real. A maioría non superan os 40 ou 45 cm no seu lado máis longo, tenden á forma circular ou de óvalo, pero hainas con formas irregulares, como o lóstrego triangular de Yria. En todos os casos as pezas pasan por troqueis, que cortan e poden fornecer tamén volumes e resaltes que introducen o tacto como novo factor da comunicación.

Achamos apelidos xa míticos na industria galega como Barreras & Molíns, nunha peza de 1870; o clásico lugués Círculo das Artes, coa súa minerva debuxada en perfil, para representar mellor o casco grego; os rechamantes cubos da cristalización do sal dos Alfolíes Gallegos; a elegante composición tipográfica da  Brillantina Extrafina, de Vilalba; ou o enxeño de Zirall, que revira as letras do nome de Allariz como marca.

Todas teñen engado, desde os escabeches de Anselmo Cea até a representación do libro Portafolio de Galicia de Ferrer, de 1904, que reproduce a súa capa e parte do lombo, nun efecto de volume moi conseguido.

Máis en Deseño
Comentarios