Presidente da Federación Galega de Tenis

Xosé Mosquera: "A Galiza ten a mellor liga de tenis de todo o Estado"

A Federación Galega de Tenis reelixiu para un segundo mandato como presidente Xosé Mosquera Casero. En conversa con Nós Diario, este ourensán namorado do deporte da raqueta explica polo miúdo os obxectivos que marcarán outros catro anos neste organismo. A continuidade no traballo iniciado será o seu fundamento.
O ourensán Xosé Mosquera, no Club Santo Domingo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ourensán Xosé Mosquera, no Club Santo Domingo. (Foto: Nós Diario)

—Que o levou a optar á reelección como presidente da Federación Galega de Tenis?
Teño unha serie de obxectivos moi claros que precisan dun período máis para desenvolverse, e será o último mandato como marcan os estatutos.

—Cales son eses obxectivos?
Son os que iniciei hai catro anos. Un deles é a igualdade que, ademais de ser unha meta da sociedade, tamén ten que ser un obxectivo do tenis. As licenzas de mulleres e de homes estaban cando entrei nunha relación de unha de cada catro. Coa implicación neste tema de promoción do tenis feminino agora estamos en que unha de cada tres é feminina. Aínda hai que mellorar.

Para facelo incorporamos xogadoras e presidentas de clubs como directivas. A intención foi que estivesen visíbeis para que servisen de referencia para a práctica deportiva e ao mesmo tempo participar nas tomas de decisión da federación galega. 

Ademais, no ámbito dos torneos internacionais que tamén potenciamos, teremos un mínimo de dez eventos nos que salientaremos dous femininos, que se xogarán en Ourense e Vigo, dotados con premios de 25.000 dólares.

Temos dúas xogadoras galegas moi boas, Jessica Bouzas e Celia Cerviño, que son o fundamento de que apostemos polo tenis feminino nestes eventos. Procuramos facilitarlles que poidan competir nunha contorna máis próxima. 

Tamén está a promoción do tenis, como organización delegada da Xunta que ten a titularidade das competencias e delega nas federacións. Nese sentido, un dos elementos que mide a práctica deportiva son as licenzas. Até 2018 estaban nas 4.000 e esta mesma tempada rematamos con 7.500, un salto moi importante mesmo para o conxunto do tenis estatal. Diante nosa só están Catalunya, Madrid e Valencia.

—Cales serán as primeiras actuacións que realizará a federación nos vindeiros meses?
Afondaremos na relación coa Federación portuguesa de tenis e a asociación de tenis de Portugal. Decidimos nunha reunión en Braga o pasado 25 de setembro que organizaremos conxuntamente un torneo internacional dotado con 80.000 dólares en premios.

Será no sur da Galiza, para que estea máis próximo a Portugal, mais aínda non temos decidido o lugar concreto. Tamén fáltanos decidir que superficie empregaremos, que en principio sería terra. Alén diso, continuaremos coa fórmula do Tenis Atlántico, unha relación estreita que tiñamos antes da pandemia da Covid-19 coas asociacións de tenis do Porto, Aveiro, Leiria e Coimbra.

—Que foi da imaxe deste deporte no seu momento como algo de minorías?
Pola miña experiencia persoal podo dicir que era certo. Cando tiña 12 anos realmente acceder a unha pista de tenis case era imposíbel. Era moito máis doado achegarse ao tenis de mesa, onde eu comecei coa práctica de raqueta e tardei en pasar ao tenis ao aire libre.

Os clubs, daquela, eran elementos fechados de práctica deportiva, con cotas para asociarse e mesmo facían pagar unha entrada para acceder ás pistas. A mudanza veu a partir de finais dos 70 cando se incrementaron as instalacións deportivas de titularidade pública, como no caso dos concellos, ou semiprivadas, como no das universidades. Esta situación aproveitárona os clubs deportivos, sen ter o carácter de asociado, que se foron formando para facilitar que a afección entrara en competición.

Agora mesmo a Galiza ten a mellor competición de tenis de todo o Estado español, con até sete categorías e de todas as idades. Facilita que todo o mundo teña a posibilidade de sacar a súa licencia e competir, que os clubs que contan con instalacións públicas poidan acceder tamén.

Conseguimos que sexa un deporte máis e que conte con referencias coñecidas a través dos medios de comunicación.

Comentarios