Martín de la Puente, tenista: "Teño que dar un pasiño adiante mentalmente para ser o número un"

O tenis non é a disciplina que máis glorias deu ao deporte galego. Até o de agora, Lourdes Domínguez, retirada en 2016, ostenta o trono de mellor tenista galega da historia, pero a xuventude e o descaro de Martín De la Puente (Vigo, 1999) desde a modalidade de cadeira ameaza a posición da lendaria pontevedresa.  
O vigués destaca tanto no plano individual como nos dobres. (Foto: EP).
photo_camera O vigués destaca tanto no plano individual como nos dobres. (Foto: EP).

Non quero que bote moito a vista atrás, senón ao recente torneo de Roland Garros. Que sentiu no corazón ao debutar no grand slam parisino, sendo ademais o primeiro galego da historia en facelo?

Tiña moitas cousas na cabeza, pero sobre todo ese paso deses primeiros raquetazos no club, cando con sorte están aí mirándote os amigos e a familia, e ás veces nin iso, a estar agora vivindo o privilexio de xogar un grand slam en París, que tantas veces vira pola tele... foi unha sorte inmensa, ademais dun soño feito realidade.

No cadro individual alcanzou os cuartos de final, onde perdeu con Gustavo Fernández. Hai uns anos declaraba nunha entrevista noutro medio que o arxentino era o seu ídolo no deporte. Continúa séndoo?

Non (ri). Pero xa fóra de bromas, teño a sorte de compartir adestrador e prácticas con el,  e si que sempre foi o meu ídolo, referente e xogador a seguir, pero xa nos enfrontamos moitas veces. Ademais, agora temos unha gran amizade, pasou de ser un ídolo a un amigo, estiven na súa casa en Bos aires, viaxamos xuntos... Por iso foi moi especial xogar contra el despois do privilexio que supuxo adestrar con el, aínda que preferiría facelo noutra rolda, porque o noso pobre adestrador non sabía a quen animar, pero non cambiaría nada da experiencia.

Máis lonxe chegou no cadro de dobres, onde xunto co seu compañeiro Daniel Caverzaschi alcanzou as semifinais, caendo eliminados a mans dos ingleses Hewett e Reid no tie-break. Que lles faltou para alcanzar a final? Ese puntiño extra de experiencia co que contaban os seus rivais, quizais?

Realmente, un partido que se decide nun tie-break a 10 puntos e no que chegas a ir oito a oito non sei moi ben se gañalo é cuestión de sorte, de crer en ti mesmo un pouquiño máis... non o sei. A realidade é que perdemos ante un equipo que era o claro favorito e que leva gañados os últimos seis grand slams en dobres, pero nós realizamos un partido bastante sólido e fixémolos sufrir moito. Ás veces o deporte dá e ás veces quita, quizais simplemente foron máis agresivos que nós, porque con dúas voleas marcaron a diferenza. Ou tal vez foi polos nosos fallos no primeiro set. En todo caso, pasou o que tiña que pasar, eles mereceron a vitoria, pero nós aprenderemos e aproveitaremos estas ensinanzas para medrar.

A súa traxectoria con Caverzaschi é xa case histórica no circuíto. Como se coñeceron e cantos anos levan xogando xuntos?.

Levamos desde que eramos uns cativos, tería eu 14 anos. Tamén temos moita rivalidade, ollo, porque xogamos moitos partidos entre nós e ambos queremos ser o mellor, pero iso non quita que teñamos unha amizade bastante grande. Este ano tamén probei no dobres a xogar torneo con Gustavo Fernanández, pero Dani e máis eu facilmente levamos xogando torneos xuntos desde 2014.

Síntese máis cómodo nos dobres ou no individual? 

Sonche moi singlista. A modalidade individual é algo máis persoal, pero no dobres divírtome moito tamén, pásoo moi ben co compañeiro, hai algo menos de presión... é moi intuitivo e creativo, o que non quita que se tivese que escoller sería a individual

A pesar da súa xuventude, leva xa moitos anos levantando trofeos, que lle queda por facer no tenis a Martín De la Puente? 

Ir subindo un pouquiño máis e crer en min mesmo algo máis para verme capaz de chegar á cima, porque sei que estou cerca, ou xa estou, en golpes e en mobilidade, pero teño que dar un pasiño adiante mentalmente para ser o número un.

Comentarios