Club Santo Domingo, 50 anos de tenis

O Club Santo Domingo celebra 50 anos difundindo o tenis en Ourense. Das súas instalacións en Pereiro de Aguiar saíron algunhas promesas deste deporte como no seu momento Marta Alastrué. Para festexar esta data acollerá o LXXXII Campionato Galego coas mellores xogadoras e xogadores do país.
Presentación do LXXXII Campionato Galego Absoluto de Tenis (Nós Diario)
photo_camera Presentación do LXXXII Campionato Galego Absoluto de Tenis (Foto: Nós Diario)

O Club Santo Domingo, referente do tenis ourensán, está de aniversario. Este mes celebra os 50 anos que pasaron desde a súa fundación en 1971. Por este motivo preparou para acoller a realización do LXXXII Campionato Galego Absoluto de Tenis 'Memorial Antonio Santorio', que se disputará nestas instalacións deportivas, do 16 ao 25 de xullo. Para a ocasión agárdase a participación de 400 deportistas entre as máis de 70 que competirán no torneo absoluto e 300 nas categorías Benxamín e Galiza Head Tour. 

Entre as xogadoras e os xogadores que estarán nas instalacións de Pereiro de Aguiar, segundo o presidente da Federación Galega de Tenis (FGT), confirmaron a súa asistencia  Roberto Rodríguez, de ascendencia ourensá, e destacados nomes como Carlos García, Diego Blanco, Tono González, David de León, José Antonio García, José Luis González, Rodrigo Pérez, Pablo Mosquera, Xiana García, Ana Nóvoa e a sobresaínte figura do tenis galego, Marta Alastrué, todas elas e eles das comarcas de Ourense, salientando tamén na categoría xuvenil a Izán Díaz e Salma del Río. 

Para o presidente do Club Santo Domingo, Luís González, é "un orgullo poder acoller este campionato" por sexta vez, agora coincidindo co aniversario. 

Un club familiar con algúns éxitos deportivos

"O Santo Domingo é un club familiar", explica González a Nós Diario, "non buscamos crear figuras deste deporte mais estamos satisfeitos de contar cunha escola de tenis, a nosa actividade principal, desde hai máis de 40 anos", engade. Nela chegaron a ter 250 nenas e nenos matriculados e na actualidade contan con 180. Nos 74.000 m2 que teñen as instalacións reúnense familias que a, ademais de practicar deporte, pasan o seu tempo de lecer. Aínda así, o presidente reivindica "o tenis como o centro da entidade". Por este motivo dominan o espazo seis pistas de tenis e catro de pádel cubertas, outro dos deportes que reúne máis seguidoras e seguidores. Un total de 500 familias manteñen coas súas cotas o club que dispón de oito traballadores. 

Das pistas do Santo Domingo saíu de Marta Alastrué Ruiz, nove veces campioa absoluta da Galiza, que nos 90 chegou a estar duodécimo posto do ranking estatal e tamén no internacional da Asociación de Tenis Feminino (WTA) onde chegou a medirse á número 3 do mundo, a arxentina Gabriela Sabatini. "Tamén temos a Tono González que xoga na World Padel Tour (WPT)", lembra con orgullo González. 

Ourense, a mellor canteira do tenis galego

Máis alá do Santo Domingo, o certo é que na actualidade a cidade conta cunha moi boa xeración de tenistas novos. Enma Valiña, campioa galega benxamín e infantil; Ana Novoa, campioa galega en todas as categorías, tanto en individual como dobres e dobres mixtos, e o pasado Campionato de España conseguiu estar entre as oito mellores do país; Lara Amoeiro, actual campioa galega infantil, repetindo título de campioa galega en dobres e dobres mixtos; Izan Díaz, actual campión galego infantil individual, dobres e dobres mixtos, no último campionato de España meteuse entre os 16 mellores do país; Rodrigo Pérez Crespo, campión galego en todas as categorías que disputou,  benxamín, alevín, infantil e cadete; tamén Álex Crespo, Gesteiro, Pablo  Rodriguez, campións galegos por equipos en todas as súas categorías.

Falta de instalacións na cidade de Ourense

Malia ter unhas instalacións como as do Club Santo Domingo, Ourense segue sen ter pistas de tenis abondo para tan importante canteira deportiva. Non é a primeira vez que se critica abertamente esta circunstancia nun deporte tan seguido neste municipio e a súa contorna.

As persoas que o practican na actualidade teñen como únicas opcións desprazarse até Pereiro de Aguiar e ser socias do Santo Domingo se queren empregar as súas canchas, acudir ás instalacións da Zamorana coas que conta a Unión Recreativa de empregados de Caixas de Aforros (Ureca) ou, por último, dispoñer das que están situadas no Campus Universitario dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Hai quen agarda que a solución veña do actual presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera, por ser desa mesma cidade.  

Comentarios