Xornada vital para os intereses galegos no fútbol sala

Chega o ecuador da segunda e decisiva fase da Primeira RFEF, onde as cinco escuadras galegas contan con obxectivos ben diferentes pero permanecen unidas mediante o nexo común da necesidade de superar os seus compromisos con vitorias, en especial as máis necesitadas Amarelle e As Burgas.
A formación laranxa, que non para de acumular éxitos, necesita un triunfo ante a madrileña para amarrar o primeiro posto. (Foto: David Mariña).
photo_camera A formación laranxa, que non para de acumular éxitos, necesita un triunfo ante a madrileña para amarrar o primeiro posto. (Foto: David Mariña).

Un nexo común entre gran parte dos deportes colectivos nesta tempada 2020/21 é o aumento da dificultade nos sistemas de competición a causa dos cambios aos que obrigaron as consecuencias das suspensións e anulacións de ligas e torneos a causa da irrupción da pandemia en marzo do ano pasado.

Que llo pregunten se non ao Deportivo da Coruña, que lonxe do previsíbel e fugaz paseo triunfal por unha categoría de bronce da que xa é complicado saír en condicións normais, viuse inmerso nunha Segunda B convertida en rateira con outros 101 equipos na que permanecerá, polo menos -e iso se logra non baixar á cuarta categoría, rebautizada como Segunda RFEF- durante outro ano máis.

Outra competición organizada pola Federación de Fútbol que se viu modificada tanto no seu regulamento como no número de equipos que a conforman foi a Primeira División do fútbol sala feminino, que pasou de 16 a 18 conxuntos e adoptou un rebuscado modelo de grupos e subgrupos dividido en dúas fases -mais un play-off polo título e outro por non baixar- no que cada partido é practicamente unha final.

Así, esta semana alcanzarase o ecuador da segunda e decisiva rolda con todo en xogo para os cinco conxuntos galegos que integran a máxima categoría do fútbol sala estatal: Burela Pescados Rubén, Poio Pescamar, Ourense CF, Viaxes Amarelle e Cidade das Burgas.

Os seus bos resultados na fase inicial determinaron que os tres primeiros loiten por entrar no play-off no que se loitará polo título ligueiro, mais só Burela e Poio teñen opcións reais de conseguir disputalo.

A escuadra da Mariña ocupa a posición de líder destacado da categoría, e no sábado (18.30 horas) protagonizará no Pavillón Vista Alegre de Burela un duelo no cume co único rival que é quen de seguirlle o ritmo na táboa, as madrileñas do Futsi Atlético Navalcarnero, ás que só avantaxan nun punto e que contan coa grande ameaza que representa Ariane Silva, máxima goleadora da competición con 28 tantos. 

Pola súa banda, o Poio Pescamar acode á casa dun dos seus principais competidores (sábado, 19 horas) por un dos dous postos de play-off que quedarán libres, a Agrupación Deportiva Alcorcón. De conseguir a vitoria descolgaría case definitivamente a escuadra do sur de Madrid dunha zona de privilexio coa que xa non conta con reengancharse un Ourense CF que de gañar o seu partido do sábdo ás 18 horas ante Torreblanca Melilla Sport Capital o único que lograría sería facerlle un gran favor ao conxunto pontevedrés.

E xa no grupo por eludir o descenso, tanto Viaxes Amarelle da Coruña como Cidade das Burgas necesitan gañar si ou si a Maxadahonda e Xaloc Alacant, respectivamente, se queren finalizar nunha das prazas que garanten a salvación sen disputar a fase da permanencia. 

Ambos os choques terán lugar no sábado, e mentres as ourensás saltarán á pista ás 17 horas, as herculinas farán o propio unha hora máis tarde, ás 18.

Comentarios