domingo 18/04/21

Un novo positivo obriga a confinar todas as xogadoras do Amarelle

Segunda corentena das laranxas no que vai de ano
Ourense adxudicouse o último derbi ante o Amarelle por 2-1. (Foto: Viaxes Amarelle).
Ourense adxudicouse o último derbi ante o Amarelle por 2-1. (Foto: Viaxes Amarelle).

O Viaxes Amarelle da Coruña, un dos cinco representantes galegos na máxima categoría do fútbol sala feminino estatal, fica confinado logo dun positivo en Covid-19 detectado no habitual test de antíxenos semanal.

A escuadra laranxa atopábase preparando con normalidade o partido que debía enfrontala hoxe co Club Deportivo Leganés FSF, nun encontro correspondente á décimo segunda xornada ligueira e que fora adiado no seu momento, pero os tests de antíxenos practicados ás futbolistas no serán da quinta feira detectaron o positivo entre unha das xogadoras do Amarelle, que se atopa con síntomas leves.

Inmediatamente, "e seguindo as indicacións recibidas polo Sergas", segundo informan fontes do club, "case a totalidade" das futbolistas confinouse na mañá de hoxe.

A persoa que deu positivo, confirmado posteriormente nunha segunda proba realizada polos servizos médicos do club, atópase en "bo estado". 

Xa que logo, "e tras realizar as pertinentes accións comunicativas ás Federacións de Fútbol galea e española, o Concello da Coruña e o Servizo Galeo de Saúde", as xogadoras afrontan unha corentena de dez días, e unha vez que transcorra ese tempo practicaráselles unha PCR para poder retomar a vida normal e a actividade deportiva.

Difíciles retos para os equipos galegos

Co Amarelle fóra de xogo, os partidos con representación galega desta fin de semana serán o Cidade das Burgas-Penya Esplugues (mañá, 19 horas), Poio Futsi Atlético Navalcarnero (mañá 18.30 horas), e Burela Pescados Rubén contra Levante UD (mañá ás 18.30 horas) e Móstoles (domingo ás 13 horas).

Especialmente duro é o maratón de partidos que ten que xogar unha escuadra mariñá que debe defender a súa condición de líder da categoría.

comentarios