domingo 18/04/21

Xela Martínez, a sensación galega do Estatal de atletismo Sub-16

A deportista galega vén de rachar dous récords nos 3.000 metros.
Xela Martínez. (Foto: Atletismo Galego).
A deportista Xela Martínez. (Foto: Atletismo Galego).

Un total de 21 atletas galegas e galegos tomarán parte durante esta fin de semana no Campionato de España Sub-16 en Pista Cuberta, que se disputará no Pazo dos Deportes de Oviedo e que xuntará un total de 276 participantes procedentes de todos os recunchos do Estado.

Entre as representantes do país destaca a presenza de Xela Martínez, quen acude en calidade de máxima atracción do campionato. A fondista lucense acaparará toda a atención despois da exhibición que protagonizou a pasado fin de semana, cando logrou rachar cos récords de España tanto Sub-16 como Sub-18 nos 3.000 metros lisos en pista cuberta, cun rexistro de 9:28.34 segundos.

A marca, ademais, representa unha das mellores a nivel mundial entre atletas da súa idade, apuntando así un potencial innato nunha deportista que, baixo a dirección do seu adestrador, Nani Piñeiro -quen leva toda unha vida dedicada a preparar rapaces e rapaces nas categorías inferiores de velocidade, medio fondo e marcha na Escola Atlética Lucense-, pode ser un dos principais referentes da súa xeración do atletismo estatal no sector do fondo.

Con todo, non serán nos 3.000 senón nos 1.000 metros onde compita Xela no Campionato de España de Atletismo Sub-16 en Pista Cuberta, ao que acode co récord galego da distancia e a mellor marca de entre todas as participantes, 2:49.31.

Esperanzas alén Xela

O torneo, organizado pola Federación Asturiana de Atletismo xunto ao Concello de Oviedo, disputarase en senllas xornadas de sábado (10.30 a 18.45 horas) e domingo (10.00 a 18 horas), e a afección poderá seguir a evolución das e dos atletas galegos vía  streaming a través da plataforma de LaLigaSportsTV.

Entre elas, xunto á lucense Xela Martínez, tamén destaca a participación de Lisa Vosverg, do AVA, quen acode xusto unha semana despois de estabelecer a pasada fin de semana durante o Campionato da Galiza Sub-16 un novo récord galego de pértega, con 3.35 metros.

Na categoría masculina un dos máis destacados promete ser Sergio Quintas, do CD La Purísima, quen chega coa terceira mellor marca entre os participantes dos 1.000 metros lisos, con 2:40.94.

Outras participacións interesantes serán as de Antía Pernas (Lucus Caixa Rural Galega) nos 60 metros, Adriana Rial (Samertolomeu) nos valos, Daniel Salgueiro (Coruña Comarca) nos 600 metros, Candela Sánchez (San Miguel de Marín) nos 1.000 ou a de Sara Guedes (Atlética Lucense) nos 3.000.

comentarios