Vía Galega leva á Cámara a cuestión da oficialidade das seleccións galegas

Reúnese cos grupos do Parlamento para solicitar apoio para a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular (ILP) 'Polo dereito da Galiza a poder competir oficialmente coas súas seleccións deportivas'.
Representantes de Vía Galega reuníronse con membros dos tres grupos políticos no Parlamento (na imaxe, co BNG) para solicitar o seu apoio (Foto: BNG).
photo_camera Representantes de Vía Galega reuníronse con membros dos tres grupos políticos no Parlamento (na imaxe, co BNG) para solicitar o seu apoio. (Foto: Nós Diario)

Unha representación da plataforma social Vía Galega mantivo na xornada de onte unha reunión no Parlamento da Galiza con diferentes membros dos tres grupos parlamentarios para presentarlles a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular (ILP) Polo dereito da Galiza a poder competir oficialmente coas súas seleccións deportivas, enmarcada na campaña que Vía Galega está despregando desde o pasado ano 2021 por todo o país baixo o lema "Galiza, un pobo, unha selección".

A primeira destas reunións foi cunha delegación do BNG encabezada pola portavoz nacional da formación, Ana Pontón, quen estivo acompañada por Manuel Lourenzo, Montse Prado e Daniel Castro, voceiro da área de Deportes.

Aplataforma traballa na recollida do mínimo de 2.500 sinaturas necesarias para que a ILP se debata no Parlamento. 

No medio dun ambiente "moi receptivo", o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, sinalou despois da xuntanza co Bloque Nacionalista Galego que "o partido desexa facer posíbel que a Galiza teña competencias no ámbito deportivo, polo que a coincidencia foi absoluta". Inmediatamente despois reuníronse co socialista Julio Torrado Quintela.

"O PSdeG considera que se trata dun debate complexo, e aínda que expresaron estar de acordo cos contidos da ILP, non coinciden por completo coa nosa óptica sobre o dereito a competir das seleccións absolutas, polo que prometeron estudala, pero ven difícil comprometer o apoio", relatou Louzao.

A derradeira das reunións foi con Daniel Vega e Rubén Lorenzo, representantes do grupo maioritario na Cámara, o Partido Popular, quen "se mostraron sorprendentemente receptivos" a que se fagan encontros das seleccións galegas.

"Quedaron de debater e estudar a proposta", concluíu o portavoz de Vía Galega. Agora, a plataforma traballa na recollida do mínimo de 2.500 sinaturas necesarias para que a ILP se debata no Parlamento.

Comentarios