As traiñeiras vascas dominaron desde o inicio a Bandeira da Coruña

A de Samertolameu foi a mellor embarcación galega na cita herculina.
A traiñeira Zierbena Bahías (Foto: Nós Diario).
photo_camera A traiñeira Zierbena Bahías (Foto: Nós Diario).

A Coruña acolleu, un ano máis, a competición de traiñeiras máis importante deste deporte. Na cidade herculina déronse cita os mellores equipos do Estado español co fin de dar inicio á Eusko Label Liga e á Euskotren Liga, para a que se congregaron 20 equipos na enseada do Orzán.

Os gañadores ao remate desta xornada foron Zierbena Bahías, de Bizkaia, e Donostia Arrau Lagunak, de Gipuzkoa, que levaron a VII e VI Bandeira Cidade da Coruña respectivamente. 

As malas condicións meteorolóxicas aconsellaron ao comité técnico da organización  suspender a primeira xornada e deixar para a seguinte o desenvolvemento da mesma. Xa na segunda, a embarcación de Zierbena fíxose coa vitoria na proba masculina.

A traiñeira biscaíña igualou os tempos de Hondarribia, superando ao final o crono dos guipuscoanos, con 10 segundos de vantaxe. Os da Ama Guadalupekoa fixéronse co segundo posto e Getaria foi o terceiro clasificado. Orio foi cuarto e Bermeo Urdaibai, que o ano pasado conseguía gañar a liga Eusko Label, entrou ao remate da xornada en quinto lugar.

Por parte galega, a mellor traiñeira foi Samertolameu, cun meritorio oitavo lugar. Fechou esta primeira competición a embarcación de Tirán (Moaña). 

Donostia Arraun Lagunak, primeiras 

Na Liga Euskotren, a vitoria foi para a embarcación Donostia Arraun Lagunak, levándose a VI Bandeira Cidade da Coruña. Tolosaldea e Donostiarra, que vogaron xunto a Arraun Lagunak na primeira quenda, foron as segundas e terceiras clasificadas.

As de Orio, campioas da pasada tempada, quedaron en cuarta posición. Hondarribia, Cabo, Hibaika e Tirán fecharon a clasificación. A seguinte fin de semana a competición continuará en Donostia e en Zierbena (Euskal Herria).

Comentarios