A elite das traiñeiras opta pola Galiza para iniciar a nova tempada

As ligas Euskolabel e Euskotren chegan á Coruña
A presentación foi en María Pita. (Foto: Liga Eusko Label).
photo_camera A presentación foi en María Pita. (Foto: Liga Eusko Label).

A Bandeira Cidade da Coruña soltará a estacha da tempada de traiñeiras 2023, pois será a primeira proba do calendario tanto da Liga Eusko Label como da Euskotren, onde os 12 equipos da competición masculina e os oito da feminina tratarán de comezar do mellor modo posíbel.

O certame, que arrancará mañá e durará até o domingo, foi presentado onte por Gonzalo Castro -terceiro tenente de alcalde- e o presidente da Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT), Borja Rodrigo. 

"A Coruña conta coa capacidade para acoller grandes eventos e competicións, como esta primeira xornada da Eusko Label e a Euskotren Liga", dixo Castro.

Rodrigo, pola súa parte, salientou o feito de que as ligas que organizan leven "sete anos consecutivos chegando a esta gran cidade, o que reflicte a importancia e o atractivo que ten" para o seu proxecto.

Sorteo de quendas

Durante a presentación tamén se realizou o sorteo de quendas. Así, a Euskotren Liga abrirá mañá ás 17.30 horas nunha primeira manga na que a galega Tirán colisionará contra Nortindal Donostiarra, Donostia Arraun Lagunak, e Tolosaldea, mentres que xa ás 17.53 Cabo da Cruz enfrontarase a Hondarribia, Orio, e Hibaika.

Pola súa parte, as naves masculinas bogarán a partir das 18.26, sendo as catro primeiras en facelo a moañesa Samertolameu, Hondarribia, Ondarroa e Kaiku. Ás 18.55 será a quenda de Oiro, Getaria, Lekittarra e Zierbena, mentres que ás 19.24 baixarán o pano os galegos de Cabo da Cruz, Itsasoko Ama, Amenabar e Bermeo Urdaibai. 

As saídas na xornada do domingo quedarán condicionadas aos resultados de mañá, sendo a suma dos tempos de senllos días a que decida a gañadora da Bandeira Cidade da Coruña en ambas as competicións.

Comentarios