1.000 crianzas, 1.000 novas esperanzas para o fútbol gaélico

A iniciativa Gaélico Escolas, que desde o pasado mes de agosto está a levar a cabo a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, superou xa a barreira das 1.000 participantes, unha cifra importante pero que desde a entidade reitora deste deporte no país pretenden que siga medrando "a pesar do obstáculo que representa a Covid-19".
Gondomar acolleu entre o 23 e o 27 de agosto o I Campus organizado no marco da iniciativa Gaélico Escolas. (Foto: AGFG).
photo_camera Gondomar acolleu entre o 23 e o 27 de agosto o I Campus organizado no marco da iniciativa Gaélico Escolas. (Foto: AGFG).

"Socio, busco un socio!" era o berro de guerra nos anos 90 dunha das cancións estrela do Club Xabarín, aquela composta e interpretada polo Vello Almorth na que se repetía aquilo de "somos poucos xabaríns, e temos que ser 100.000" para motivar a rapazada do país a unirse ao club da Galega.

Impregnada dese espírito, e con non menos ambición, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), entidade reitora da única disciplina deportiva na que a Galiza conta cunha selección nacional competindo oficial e internacionalmente, está a desenvolver o proxecto Gaélico Escolas, a través do cal queren achegar o deporte á mocidade de todo o país.

Segundo explican a Nós Diario desde a AGFG, a intención desta iniciativa que se concibiu xa "nos tempos do confinamento", aló polos meses de marzo, abril e maio do pasado ano 2020, é "intentar unha renovación entre as persoas practicantes", pois decatáronse de que tiñan "unha idade media un tanto elevada", por iso comezaron a argallar "un proxecto para que unha xeración máis nova apostase polo fútbol gaélico".

Iso acabou derivando nunhas Gaélico Escolas que, resaltan, "foron posíbeis grazas ao acordo de patrocinio que a Asociación Galega de Fútbol Gaélico asinou con PuntoGal" no pasado mes de agosto e que agora comeza a dar os seus froitos, pois máis de 1.000 mozos e mozas de todo o país xa formaron parte dos campus formativos, as sesións e as charlas en centros educativos enmarcados neste programa.

Os 'Cúl Camps' de Irlanda, o modelo a seguir

Unha das accións de máis impacto levadas a cabo até o de agora foi o I Campus Gaélico Escolas, organizado en Gondomar polo Turonia GFG entre os días 23 e 27 de agosto. Alí, seguindo o modelo dos populares Cool Camps -ou Cúl Camps, en gaélico, que todos os verán promove a Gaelic Athletic Association por todo o territorio irlandés-, numerosas crianzas de entre 8 e 17 anos protagonizaron o seu primeiro achegamento a unha disciplina que apenas leva 10 anos practicándose na Galiza, pero que xa deparou grandes alegrías como o campionato logrado pola selección galega feminina nos Eurogames de Lorient en 2018 ou o subcampionato da masculina nos Xogos Mundiais de 2015.

Porén, para que o gaélico continúe gozando de boa saúde resulta imprescindíbel contar cunha base sólida, por iso a AGFG está a desenvolver unha estratexia de achegamento á mocidade que xa a levou a centros educativos de Mazaricos, Ponteareas, Compostela ou Vigo, localidade esta na que se apuntaron voluntariamente a aprender sobre o deporte a totalidade dos e das alumnas, 140.

"Sempre depende un pouco das idades, a cidade e os grupos, pero polo xeral a recepción está a ser moi positiva, todas mostran moito interese en aprender sobre o deporte", engaden desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, que avanza a Nós Diario a súa intención de -se a Covid o permite- levar a cabo un torneo escolar o vindeiro 18 de decembro.

"A próxima semana será chave para saber se a situación sanitaria nos permite desenvolver esta actividade, pero se non pode ser farase outra máis adiante, pois a nosa idea é desenvolver até tres ao longo do vindeiro ano, conclúen.

Unha disciplina cada vez máis presente no día a día dos nenos e nenas do país 

O fútbol gaélico continúa medrando, e a súa implantación esténdese entre cada vez máis nenos e nenas non só a través de charlas ou campus, senón mesmo nos libros de texto, como se pode ver sobre estas liñas. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) pretende aumentar este pulo do deporte no país e por iso fai un chamamento a todas as persoas que desexen participar nas Gaélico Escolas, formarse no deporte, ou obter máis información a pórse en contacto con ela a través do correo electrónico da Asociación.

Comentarios