Toimil, Peleteiro e Ben, a 'Armada Galega' en Polonia

Campionato de Europa por Equipos 2023
Peleteiro buscará a mínima olímpica. (Foto: EP).
photo_camera Ana Peleteiro é, na actualidade, a grande abandeirada do deporte galego na modalidade de atletismo. (Foto: Europa Press).

O atletismo sobe de categoría no marco dos Xogos Europeos, que neste 2023 alcanzan a súa terceira edición. Con sede no Estadio de Silesia, desde agora terá rango de Campionato de Europa por Equipos, estendéndose desde hoxe até o próximo 25 de xullo no Estadio de Silesia, en Polonia.

Este certame vén de sufrir un cambio de formato para a ocasión, pasando de catro a tres divisións, e por primeira vez na historia todas elas competirán nun mesmo recinto.

Até a rexión polaca de Silesia chegaron os tres nomes máis potentes cos que conta o atletismo galego na actualidade: Belén Toimil, Adrián Ben e unha Ana Peleteiro que volveu sorprender voando até os 14,13 metros a semana pasada en Castellón, na que era a súa primeira proba desde que dese a luz hai tan só seis meses.

Non obstante, aínda haberá que agardar varios días até que entre en acción o trío de ases galegos, sendo a primeira en competir a lanzadora de peso Belén Toimil, ás 16.15 horas do 23 de xuño, chegando a quenda de Adrián Ben nos 800 metros lisos ás 18.28 da tarde. Xa ao día seguinte, o sábado 24 de xuño, Ana Peleteiro volverá a pór a proba os seus límites ás 17.26 no triplo salto.

Belén Toimil alcanza os 17,15 metros no Galego

A de Mugardos chega a Polonia despois de ser a única dos tres membros da Armada Galega que participou no Campionato da Galiza que se levou a cabo nas instalacións da Universidade de Santiago de Compostela no Campus Vida.

Alí volveu colgar do pescozo o ouro nacional após alcanzar os 17,15 metros de distancia, cifra que, porén, non será suficiente se quere estar entre as mellores na gran cita continental.

Outros resultados de relevancia no Galego absoluto foron os triunfos da medallista paralímpica Adi Iglesias nos 200 metros lisos e da novísima Ainhoa Repáraz no hectómetro. 

Xela Martínez, aos seus 17 anos, concluíu na terceira posición nos 1.500 metros, unha modalidade na que o título foi para Amparo Corredoira.

Boa actuación tamén dos irmáns Chamosa na marcha, xa que Antía logrou imporse entre as mulleres e Daniel esnaquizou o récord da Galiza masculino cos seus 19.40.38, deixando no esquecemento a plusmarca de Santi Pérez, que databa dos anos 90. 

Comentarios