Ainhoa Repàraz, a raíña adolescente da velocidade que saíu da terra

"Non é normal", di o seu adestrador. E, efectivamente, non é normal que unha rapaza de 14 anos se proclame campioa galega dos 100 metros lisos na categoría absoluta, e moito menos que o faga tan só dous anos despois de iniciarse no atletismo e adestrando nunhas condicións que lembran as de Rocky cando viaxa a Rusia.
Ainhoa Repáraz, campioa galega absoluta dos 100 metros, será un dos grandes atractivos do torneo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera No Campionato da Galiza, Ainhoa Repàraz parou o cronómetro en 12,44 segundos, suficiente para superar Cristina Garrido (12,47). (Foto: Nós Diario).

Todo comezou cun salto no verán de 2018. "Salta coas pernas xuntas", díxolle a unha Ainhoa Repàraz de apenas 12 anos o seu actual adestrador, Óscar Fernández Villar, ex atleta con toda unha vida ás súas costas dedicada ao atletismo. 

Ela non comprendía moi ben por que, se estaba alí dado que o profesor de Educación Física da súa escola en Chandebrito (Nigrán) lle comentara á súa nai que era moi rápida e probase no atletismo, tiña que pórse a pegar saltiños. Pero saltou. E moito.

Nese momento, Fernández tivo claro que estaba ante un prodixio. "Esa proba é unha técnica básica, pero moi fiábel, para saber se unha persoa vai ser rápida. Se salta moito, case seguro que o será, porque significa que ese músculo é moi explosivo", explica para Nós Diario.

Desde aquel momento até a súa proclamación como campioa galega absoluta dos 100 metros lisos transcorreron dous anos, algo "rarísimo, que pode pasar unha vez de cada mil", sinala o seu preparador.

"O atletismo precisa de adestramento, e en cantidade, sobre todo porque para destacar require contar cunha técnica moi depurada. Aínda que a xente crea que correr rápido é algo natural, non o é para nada, pois o braceo é moi característico, a saída ten que producirse dun modo moi específico, os apoios tamén son peculiares... por iso o caso de Ainhoa é tan especial", di.

Para el, a gran vantaxe de Ainhoa sobre as súas competidoras é a súa altura: "Para a súa idade é moi alta, pois ronda os 1,75 metros, e iso correndo tradúcese en velocidade, porque canta máis altura,máis panca, é pura física. Polo contrario, o problema que teñen as persoas altas como ela é que lles custa máis pór ese corpo en movemento por ter o centro de gravidade máis elevado que unha persoa baixiña. É o que lle pasaba a Usain Bolt, un exemplo que todos coñecemos, quen debido aos seus 1,95 metros de altura nunca saía de primeiro".

A humildade da campioa: agradecida por poder adestrar nunha pista de terra

A piques de entrar o verán de 2018, xusto cando Ainhoa Repàraz se inicia no mundo do deporte, o Concello de Nigrán anuncia a construción dunha pista de atletismo en Porto do Molle. As obras continúan "logo dun tempo paralizadas", apunta Óscar Fernández, que se mostra "agradecido" de, polo menos, poder contar coa pista de terra que se pode apreciar á esquerda destas liñas, e coa actitude dun Concello "que se portou connosco de marabilla, facilitándonos o uso da instalación, aínda que polo de agora non sexa máis que unha pista de terra que eu mesmo fun parcheando". Porén, recoñece os contratempos que iso supón para a preparación dunha atleta, pois "non temos saída de tacos, os días que chove é unha lameira...", aínda que a campioa agradece con chispa o contacto coa natureza e adestrar "por medio das árbores".Pista de terra na que adestra a campioa galega Ainhoa Repàraz

A "sorprendente" vitoria no Campionato da Galiza

Para Fernández, a chave do seu éxito foi o traballo "constante" e continuo -"o resto de atletas puido adestrar como nós, pero ningunha máis, imposíbel"-, algo no que coincide Ainhoa Repáraz, quen apunta para Nós Diario que os adestramentos producíanse "practicamente todos os días".

A súa vitoria no Campionato da Galiza foi para ela "unha sorpresa", porque "tiña rivais moi boas e moita competencia". Non obstante, o seu adestrador, logo de vela correr contra mulleres adultas nunha competición nas Illas Canarias -onde Ainhoa se atopaba visitando á súa familia materna- tomou consciencia de que "había opcións".

E, efectivamente, sen chegar como favorita Ainhoa Repàraz proclamouse campioa galega, "unha grande alegría para ela e para min", confesa un emocionado Óscar Fernández. Agora, o próximo obxectivo, como di cun sorriso na boca a nova estrela dos 100 metros, será "seguir correndo, e se sae ben, sae ben".   

Comentarios