Atletismo

Ana Peleteiro voa até os 14,13 metros seis meses despois da maternidade

Exhibición da de Ribeira  no Gran Premio Castellón.
O prazo para que chegue aos 14,55 metros remata o 30 de xullo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Peleteiro levaba 15 meses sen competir. (Foto: Nós Diario)

Ana Peleteiro continúa sorprendendo. A mellor atleta galega dos últimos tempos, como acreditan o seu bronce olímpico en Toquio 2020 e as súas numerosas medallas de prata e bronce en Campionatos de Europa e do Mundo, regresou á escena competitiva tan só seis meses despois de ser nai demostrando que a maternidade non afectou en absoluto ao seu rendemento.

Levaba inactiva, en total, 15 meses, polo que o seu rendemento no Gran Premio Deputación de Castellón-Memorial José Antonio Cansino era toda unha incógnita que rapidamente se encargou de despexar.

No seu sexto salto alcanzou a distancia de 14,13 metros

Cun primeiro salto de 13,68 metros demostrou que volvía a estar a bo nivel -polo menos no panorama estatal, xa que era a segunda mellor marca do 2023-, pero no segundo (13,97) rozou unha barreira psicolóxica, a dos 14 metros, que finalmente esnaquizou no seu sexto intento, cando voou sobre a pista do Gaetà Huguet até os 14,13. A pupila do lendario Iván Pedroso alcanzaba así non só a mellor marca estatal, senón a cuarta mellor de Europa no que vai de ano 2023.

Co seu papel en Castellón, Ana Peleteiro xa é, por méritos propios, unha das candidatas a volver cunha medalla colgada do pescozo do inminente Campionato de Europa por Equipos, que se desenvolverá na localidade polaca de Chorzów do 20 ao 25 de xuño, onde tamén estarán o lucense Adrián Ben e a mugardesa Belén Toimil.

"Isto só acaba de comezar"

Visíbelmente emocionada, unha vez rematada a competición Ana Peleteiro empregou as súas canles nas redes sociais para revelar que se lle din "hai cinco meses", cando estaba saíndo do quirófano logo de padecer unha cesárea, "xamais crería" ser quen de alcanzar os 14,13 metros.

"Pero loitei, sacrifiqueime e crin en min. Estou de volta, si se pode, e isto só acaba de comezar", concluíu.

Comentarios