Fútbol

Tebas dimite... para volver presentarse

O recoñecido ultradereitista Javier Tebas, que desde hai dez anos dirixe a Liga de Fútbol Profesional (LFP), comunicou onte a súa dimisión... para presentarse de novo ao cargo de presidente da organización.
Javier Tebas dirixe a LFP desde o ano 2013, tempo no que multiplicou por tres o seu salario, de 350.000 a 1,2 millóns de euros anuais. (Foto: Europa Press).
photo_camera Javier Tebas dirixe a LFP desde o ano 2013, tempo no que multiplicou por tres o seu salario, de 350.000 a 1,2 millóns de euros anuais. (Foto: Europa Press).

A data na que remataba oficialmente o mandato do ex avogado de Dimitri Piterman -presidente de Rácing de Santander (2003-04) e Alavés (2004-07), club que solicitou para o ruso pena de cárcere nun xuízo que se desenvolverá en 2024 polos "prexuízos" causados a unha entidade que deixou a un paso da desaparición pola súa funesta xestión económica, até o punto de imputárselle "apropiación indebida"- era o 23 de decembro, mais Tebas Medrano non quixo agardar.

"Hai uns minutos presentei a miña dimisión como presidente da Liga", indicou o mandatario na súa conta na rede social 'X', engadindo que nas semanas seguintes abrirá un novo proceso electoral ao que se presentará como candidato, razón pola que solicitará "o aval e a confianza dos clubs" para asumir "os retos que nos ocupan".

A propia LFP como institución ampliou a información facilitada por Tebas, explicando que nas inminentes eleccións, "e de conformidade coas previsións estatutarias e regulamentarias", procederase á celebración do sorteo para a designación dos membros da Comisión Electoral que, unha vez constituída, será a encargada de convocar as eleccións". 

Á fronte da mesma estarán os vicepresidentes do organismo, Miguel Ángel Gil Marín -conselleiro delegado do Atlético de Madrid e fillo de Jesús Gil y Gil- e Quico Catalán, -presidente do Levante Unión Deportiva-, así como María José López, directora legal da patronal futbolística.

Agora resta saber se Javier Tebas terá que medir forzas con algún contrincante que aspire a descabalgalo ou se vivirá un déjà vu de 2019, cando non tivo ningún opositor.

De continuar, con ou sen rivais, nun cargo no que substituíu José Luis Astiazarán en 2013, o ex membro de Fuerza Nueva e confeso votante de Vox alcanzaría o seu cuarto mandato e, de cumprir a súa palabra, o último, pois no pasado mes de decembro dixo que non superaría os 65 anos no posto, e xa conta con 61.

Comentarios