Tebas acepta o 'blood money' de Arabia para financiar a Liga

Arabia Saudita continúa imparábel o seu proceso de conquista do deporte mundial. Así, anos despois de pactar coa Federación Española a disputa da Supercopa nos dominios da Casa Saúd, vén de asinar un acordo coa Liga de Fútbol Profesional do ultradereitista Javier Tebas que ten o turismo como escusa para ocultar o seu 'sportwashing'.   
 
Javier Tebas é o presidente da Liga de Fútbol Profesional desde o ano 2013. (Foto: EP).
photo_camera Javier Tebas é o presidente da Liga de Fútbol Profesional desde o ano 2013. (Foto: EP).

A Liga de Fútbol Profesional (LFP), dirixida polo recoñecido ultradereitista Javier Tebas, asinou na xornada de onte un acordo de colaboración polo cal 'Visit Saudi' pasa a ser "patrocinador global e destino turístico" da competición española, co obxectivo de "crear vínculos entre ambas as culturas".  

 "O acordo de colaboración asinado demostra a forte conexión histórica entre a Liga e Arabia Saudita: durante máis de 15 anos os nosos partidos foron seguidos por millóns de afeccionados ao fútbol en todo o territorio, futbolistas sauditas xogaron en España, así como xogadores españois na liga saudita  -como Santi Mina, que foi recibido cos brazos abertos a pesar de chegar cunha condena por abuso sexual-, e Arabia conta con varias peñas oficiais", destacou a patronal nun comunicado.

Con este acordo, que complementa o que o país asiático subscribiu coa Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para acoller a Supercopa, torneo que desde 2019 se disputa nos dominios da Casa de Saúd, Arabia Saudita reforza o seu poder sobre o fútbol español.

O 'sportwahsing', bandeira de Arabia Saudita 

O Fondo de Investimento Público (PIF, nas súas siglas en inglés) de Arabia Saudita está realizando inxeccións millonarias de cartos en disciplinas como golf, wrestling, boxeo, a Formula 1 ou os rallys. 

A súa meta, encaixada nun proxecto nacional denominado Visión 2030, é mellorar a imaxe dun país coñecido por non respectar os dereitos humanos máis fundamentais a través do deporte, no que a prensa anglosaxona definiu como sportwashing, seguindo a liña do greenwashing e o pinkwashing.

O fútbol é a punta de lanza duns investimentos que desde 2021 superaron a cifra dos seis billóns de euros, e que inclúen a compra por parte do PIF de 75% dos principais clubs do país -Al Ittihad, Al Ahly, Al Nassr e Al Hilal-, conxuntos que grazas a este movemento ficharon este verán estrelas como Neymar, Rubén Neves, Mané ou Kanté. 

Comentarios