1-1

Táboas entre Celta e Dépor no derbi

Celta e Dépor repartíronse os puntos no encontro disputado na noite do sábado en Balaídos. Os coruñeses adiantáronse no marcador grazas a un tanto de Celso Borges que foi neutralizado minutos após por Nolito.

[Imaxe: RCCV]
photo_camera [Imaxe: RCCV]

Os homes de Víctor Sánchez del Amo comezaron fortes o partido con chegadas con intensidade a área do Celta, que se amosaba demasiado ansioso por poñerse por diante no marcador. Foron os coruñeses os que estrearon a conta cando pasaban 20 minutos de partido cun tanto asinado por Celso Borges, que resolveu unha gran xogada que comezou Fede Cartabia. O branquiazul aguantou na frontal e meteu un pase para Luis Alberto, que cedeu a Borges para que este anotase o tanto.

O Celta non tardou en responder e, cando se achegaba a media hora de partido, Nolito marcou un golazo após combinar con Orellana. Malia intentar o Dépor situarse por diante no que restaba de primeira parte, os xogadores marcharon ao vestiario co que sería o 1-1 definitivo.

Así como na primeira parte destacara máis o conxunto branquiazul, a segunda parte foi para o Celta, máxime após a expulsión rigorosa de Arribas cando restaban 20 minutos para rematar o encontro. O Dépor foi quen de defender o empate con 10 homes e fíxoo nos últimos minutos con nove, cando Borges abandonou o terreo de xogo por lesión. Previamente, na primeira parte, os coruñeses perderan Lux por lesión.

O partido non estivo exento de polémica, pois os deportivistas pedían a segunda amarela para Wass no minuto 27 por un cobadazo a Fernando Navarro e Luis Alberto.

O mellor do encontro, que non brillou polo bo fútbol, foi, sen dúbida, o ambiente que se respirou en Balaídos, un Balaídos que se puxo en pé e se tinguiu de azul para cantar o Himno nacional.

Os branquiazuis saen de Vigo cun punto que os deixa na metade da táboa e o Celta mantense nos postos da Europa League.

Ficha técnica

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Radoja, Wass (Pablo Hernández, min.88), Bongonda (Guidetti, min.72), Orellana, Nolito e Iago Aspas.

Deportivo: Lux (Manu Fernández, min.37), Navarro, Mosquera, Lucas Pérez, Juanfran, Sidnei (Lopo, min.80), Arribas, Fayçal, Fede Cartabia (Luisinho, min.70), Luis Alberto e Borges.

Goles: 0-1, min.20: Borges; 1-1, min.30: Nolito.

Árbitro: Fernández Borbalán, do comité andaluz. Expulsou con dupla amarela Arribas (min.63) e amoestou Jonny, Wass, Cabral, Hugo Mallo, Arribas, Luisinho e Manu.

Comentarios