SáBADO áS 22.05H

Todo pronto para #onosoderbi

Ao igual que no partido de ida en Riazor, Balaídos entoará o Himno nacional antes de dar comezo o derbi. Tamén haberá mosaico coas cores do Celta e da bandeira galega no que será un prólogo especial do partido entre o equipo vigués e o coruñés.

aficion_balaidos_celta
photo_camera Afeccionadas do Celta en Balaídos

Balaídos rozará o cheo na noite do sábado para presenciar un derbi que comezará co Himno galego, ao igual que no partido de ida de Riazor, onde o Dépor gañara por dous goles a cero. Desta vez, o Celta disputa o clásico do fútbol galego na quinta posición da táboa, con 48 puntos, e o Dépor faino na décima posición, con 36.

Os vigueses busca o asalto a Europa, queren asegurar a súa posición de Europa League e mesmo miran cara á Champions, á vez que os coruñeses buscan os tres puntos que os acheguen á permanencia matemática. O Celta está en forma, con catro vitorias nos últimos seis partidos e o Dépor vén de acabar coa súa xeira de 13 partidos sen gañar.

Convocatorias

Para o derbi, o Celta disporá de Iago Aspas e do Tucu Hernández. Tamén poderá dispor de Gustavo Cabral, que se perdera o encontro de Riazor. Cabral comandará unha defensa que ten como obxectivo deixar a porta a cero. Os 19 futbolistas convocados para o partido son Sergio, Rubén, Hugo Mallo, Radoja, Bongonda, Pablo Hernández, Iago Aspas, Nolito, Guidetti, Beauvue, Orellana, Drazic, Wass, Jonny, Sergi Gómez, Planas, Cabral, Señé e Pape Cheikh, xogador do filial como novidade. Fontás e Marcelo Díaz son baixas por lesión.

O Dépor recupera Sidnei –os coruñeses encaixaron 12 goles en cinco partidos sen el- e Cani. Os convocados por Víctor Sánchez del Amo son o Poroto Lux, Fernando Navarro, Bergantiños, Mosquera, Cani, Lucas, Oriol Riera, Juanfran, Sidnei, Pletikosa, Arribas, Laure, Luisinho, Cartabia, Fayçal Fajr, Luis Alberto, Celso Borges, Lopo e Manu Fernández.

Comentarios