venres 30/10/20

Suspendida a segunda xornada da Copa Galiza polos surtos en Ourense

Na primeira xornada, o Breogán impúxose con contundencia ao COB por 81-54 no Pazo de Lugo.
breogan-cob_copagaliza2020
Un momento do encontro que disputaron o Breogán e o COB no Pazo de Lugo, con vitoria local (COB)

O encontro que ían disputar o Clube Ourense Baloncesto e o Básquet Coruña, correspondente á segunda xornada da Copa Galiza, foi cancelado por recomendación da Federación Galega de Baloncesto á vista das novas restricións impostas dentro do Concello de Ourense por mor da epidemia da enfermidade do novo coronavirus. O partido estaba previsto que se denvolvese mañá pola mañá no Pazo Paco Paz da cidade das Burgas.

A XXXV Copa Galiza Sénior Masculina deu comezo na quinta feira coa disputa da primeira xornada da fase previa, nun partido que enfrontou no Pazo de Lugo ao Breogán e ao COB. O equipo local impúxose por un contundente 81-54 ante un visitante con importantes ausencias e que tan só puido aguantar o pulo dos celestes durante os primeiros vinte minutos.

No COB non compareceron dúas das novas incorporacións, que aínda non aterraron en Ourense. A primeira, Djordje Dimitrijevic, base-escolta serbio procedente dos Mercer Bears da NCAA, a liga universitaria estadounidense. A segunda, Adonys Henríquez, aleiro dominicano procedente da liga arxentina.

O Breogán, non obstante, tamén chegou á cita coa importante ausencia do base finlandés Roope Ahonen. O francotirador de 30 anos continúa cos seus labores de recuperación da grave lesión que o apartou das canchas a comezos de ano.

O partido comezou cun xogo espeso por parte do equipo breoganista, situación da que tiraron proveito os cobistas para se adiantar no marcador cun pequeno parcial de 2-8 no minuto 4. Os da casa reaccionaron e axiña tomaron o mando no electrónico aínda que sen poder romper o partido definitivamente. Ao descanso chegouse cun igualado 33-32.

Á volta dos vestiarios, a situación mudou por completo e o Breogán impuxo a súa superioridade con base a un excelente traballo defensivo e ao completo dominio do xogo interior. Un parcial de +13 no inicio da segunda metade creou unha diferenza insalvábel para o COB, que coas súas perdas constantes deron cheda aos celestes para anotar ao contraataque e despegar no marcador. 

Ademais, as altas porcentaxes de tiro dos locais puxeron o derradeiro cravo no cadaleito cobista. Adam Sollazo saíuse neste terceiro período, con 10 puntos ─tres triplas e un tiro libre─. Os seus compañeiros Iván Cruz e Sergi Quintela tamén tiveron unha actuación ofensiva sobresaliente.

Catro clubes en lide

Son tres xornadas as que conforman a fase previa da Copa Galiza. A primeira, que disputaron Breogán e COB na quinta feira; a segunda, que acaba de ser suspendida; e unha terceira, coa data aínda por confirmar, que enfrontará o Básquet Coruña e o conxunto breoganista, cos primeiros como locais.

E son estes tres equipos da LEB Ouro mais o Obradoiro os protagonistas desta histórica competición de ámbito nacional, que na edición deste ano está marcada polos condicionantes que impón a crise sanitaria pola Covid. 

O conxunto compostelán, como clube da ACB, está directamente clasificado para a final. Hoxe xogará contra o Bilbao Basket na cidade vasca o partido correspondente á cuarta xornada da Liga Endesa.

 Ao respecto, o seu adestrador, Moncho Fernández, chamou a non confiarse malia a boa xeira de resultados. "Para poder gañar en Bilbao teremos que facer moitas cousas ben", advertiu antes de partir onte para Euskadi.

comentarios