Entrevista

Silvestre Gómez, boxeador: "Gústame enfrontarme con rivais que son máis grandes ca min"

O Campionato Galego de Boxeo que se desenvolveu a pasada fin de semana no Pavillón de Baltar de Sanxenxo viu como o novísimo púxil Silvestre Gómez (Noia, 2004) prolongaba a súa extraordinaria xeira de resultados no certame nacional, onde conta as súas participacións por vitorias.

A pesar da súa xuventude, 'Silver' conta con máis de 20 combates ás súas costas. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A pesar da súa xuventude, 'Silver' conta con máis de 20 combates ás súas costas. (Foto: Nós Diario).

—Influíu a proximidade no tempo entre o Campionato Galego desta pasada fin de semana e o Estatal de Clubs, no que se proclamou campión na categoría elite 92 quilos hai apenas dúas semanas, na súa preparación?
Non, fixemos o de sempre, tirar co meu adestrador e darlle o máis duro posíbel. Antes do Galego levaba 20 combates, que son o máis importante, así que cantas máis oportunidades saian de cara ao futuro, mellor. 

—Agora mesmo, maila ser aínda unha persoa moi nova, medrando como quen di, está competindo en -92  quilos. Será esta a definitiva ou baixará aos 86?
A verdade é que estou súper cómodo neste peso, que é practicamente o meu natural, pero si que pode que acabe por baixar a 86 no futuro, todo pode ser, aínda que si que é certo que xa o fixen no pasado e resulta duro.

—Quizais o gran público non é consciente da gran dificultade dalgúns púxiles de cinxirse a determinados pesos, nin tampouco do determinantes que son para o devir dos combates e mesmo de carreiras enteiras...
Por suposto, é que cambia incluso o tamaño dos rivais. Eu cando estou en 92 atópome, normalmente, con xente máis alta ca min, porque mido 1,78 metros, e non é raro que pelexe con xente de 1,90, como no último Campionato de España.

—E cando se da esa circunstancia de ter enfronte un rival que lle saca case 15 centímetros... como encara ese combate? Adopta algunha estratexia especial?
Non. De feito gústame enfrontarme a xente máis grande (ri), ir á guerra contra eles. Desde o cuadrilátero vense as cousas máis fáciles.

—Aínda que con esa declaración de intencións xa deu bastantes pistas, como se definiría a vostede mesmo como boxeador?
Depende do combate, non teño un estilo de boxeo fixo, pero, como dicía antes, a min gústame ir á guerra. Por poñer un exemplo, [Floyd] Mayweather é de ir contra o ataque, pois eu sería o oposto, máis próximo a un ['Iron' Mike] Tyson, que vai sempre para adiante.

—Cales son os seus próximos obxectivos competitivos?
Agora afrontarei unha parada e logo, xa despois do Nadal, será a quenda dunha velada en Noia, a segunda homenaxe a Tono da Silva, o meu adestrador, que morreu hai un ano. E, se é posíbel, gustaríame participar no Campionato Galego Neoprofesional a cinco asaltos. Para iso nos estamos preparando, hai que adestrar e seguir arriba. 

—Profeta na súa terra?
Xa sei o que é pelexar alí, e en Noia síntome moi arroupado, co meu público, que sempre está comigo, quere moito ao noso club [SKT] e contribuirá unha vez máis a facer da nosa unha das mellores veladas non só a nivel galego, senón estatal. 

—Que lle deparará o futuro?
Quen sabe. A min chámame orientarme ao profesionalismo, pero se por circunstancias acabo orientado cara o boxeo olímpico, pois benvido sexa, pero hoxe esa non é a miña preferencia.

Un noiés que soña co profesionalismo

A vida de Silvestre Gómez, 'Silver', como se lle coñece no mundiño, non difire moito da de moitos deportistas da súa idade. Como acontece con practicamente todos os practicantes de disciplinas non maioritarias, compatibiliza as luvas co traballo ou, no seu caso, cos estudos, a pesar de adestrar "de luns a sábado", como recoñece apostilando que as horas diarias "dependen do calendario de competicións", é dicir, "se hai ou non combates programados".

O flamante campión galego elite -anteriormente xa conseguiu o título máximo a nivel nacional nas categorías inferiores-, que a pesar da súa xuventude acumula máis de 20 combates ás súas costas, soña "con ser profesional", mais non desbota a posibilidade de chegar a competir algún día nos Xogos Olímpicos, como recentemente fixo o cubano afincado na Coruña Enmanuel Reyes.

E, cuestionado sobre cales foron os seus momentos máis especiais sobre o cuadrilátero, pese a non saber con cal quedarse, si destaca os que viviu na súa Noia natal, onde se sinte " moi arroupado pola xente".

Comentarios