As seleccións galegas de base xa pensan no Estatal

Aspiran a avanzar á segunda fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas 2023.
A proba terá lugar en Zaragoza o próximo mes de decembro. (Foto: Futgal).
photo_camera A proba terá lugar en Zaragoza o próximo mes de decembro. (Foto: Futgal).

As 'Irmandiñas' xa quentan motores. As integrantes das seleccións galegas Sub-15 e Sub-17 femininas volverán vestirse de curto por primeira vez no que vai de tempada durante esta semana, pois as seleccionadoras Vicky Vázquez (Sub-15) e Quin Valbuena (Sub-17) fixeron públicas onte as súas convocatorias de cara a realizar senllas sesións de traballo coa vista posta na primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA), que terá lugar do 14 ao 17 de decembro en Zaragoza.

Deste modo, o combinado galego Sub-15, vixente campión da Fase Prata, debutará mañá, 8 de novembro, a partir das 17 horas no campo da Braña, en Rois, nunha cita para a que Vázquez citou un total de 23 xogadoras de 13 equipos distintos, sendo os máis representados Victoria (5) e Orzán (4).

Con respecto as maiores, a selección galega Sub-17 realizará a súa primeira sesión de traballo tan cedo como hoxe, día 7 de novembro, no mesmo escenario, o campo da Braña. Para esta primeira sesión, o seleccionador Quin Valbuena chamou a 34 futbolistas, entre as que, unha vez máis, volve haber maioría do fútbol coruñés grazas a Vitoria (10), Orzán (6) e Real Club Deportivo (4).

Ambas as seleccións galegas xa coñecen as súas rivais nesta fase inicial do CESA, sendo Aragón e Murcia as rivais da Irmandiña nas dúas categorías, onde aspiran a concluír como primeiras de grupo para clasificarse para a seguinte rolda.

O Dépor xogará en Riazor por vez primeira

Esta fin de semana terá lugar na Coruña un fito histórico, pois o Real Club Deportivo, na súa modalidade feminina, xogará por vez primeira un partido oficial no Estadio Municipal de Riazor, pois a pesar de que xa actuara no coliseo herculino en anteriores ocasións, sempre foi baixo o abeiro de torneos amigábeis como o Teresa Herrera.

Así, e co gallo do encontro que disputará a escuadra branquiazul con outro dos 'cocos' da Primeira Federación, o Deportivo Alavés, ás 17 horas da tarde, o próximo domingo, día 12 de novembro -choque no que o Dépor busca afianzarse no liderado-, Riazor abre as súas portas ás mulleres. No acto de presentación do partido, a alcaldesa, Inés Rei, fixo onte un chamamento a "apoiar" acudindo a ver o espectáculo ao vivo.

Comentarios