A Irmandiña, á final da Copa das Rexións da UEFA

A selección galega vence a Bavaria e loitará polo título europeo este sábado fronte a Belgrado.
Álex Rei marcou o gol da vitoria desde os once metros. (Foto: RFGF)
photo_camera Álex Rei marcou o gol da vitoria desde os once metros. (Foto: RFGF)

Esta era a primeira vez que a Irmandiña disputaba a fase final polo título da Copa das Rexións da UEFA e o resultado até o de agora é inmellorábel. Após vencer en dous grandes encontros ás seleccións da República de Irlanda (2-0) e Zenica-Doboj (2-1), esta última unha rexión de Bosnia-Herzegovina, a selección fechou esta cuarta feira a fase de grupos con outra vitoria, tres de tres, fronte aos alemáns de Bavaria (0-1).

Álex Rei anotou o tanto da vitoria desde os once metros após un temperán penalti cometido polos bávaros cando só se disputaran sete minutos de partido. O futbolista do Rápido de Bouzas marcara tamén fronte a Zenica-Doboj. Un ateigado campo da Lomba, en Vilagarcía de Arousa, gozou do gran partido da Irmandiña.

Na final, que se disputará este sábado, día 17, ás 19 horas e no mesmo escenario, agarda a selección de Belgrado (Serbia), que se fixo coa primeira praza do grupo 2 tras vencer aos veciños de Lisboa (2-0) e rematar, así, con sete puntos de nove posíbeis.

O combinado de Dolnośląski (Polonia), en 2019, foi o último en alzarse cun título que, desde a súa primeira edición en 1999 —daquela con vitoria dos italianos de Véneto—, nunca repetiu gañador.

Dentro do Estado español, que achegou finalistas ás nove edicións da Copa das Rexións, salientan os triunfos de Euskadi, en 2005, e Castela e León, en 2009.

Comentarios