O Dépor homenaxéase no Teresa Herrera

Á presenza de Mauro Silva e Bebeto, ademais da despedida de Álex Bergantiños, sumouse a vitoria do Dépor, diante do Red Bull Bragantino brasileiro por 4-0, e do Deportivo Abanca, ao Deportivo Alavés Gloriosas, por 2-0.

"Homenaxe" a Álex Bergantiños dos seus compañeiros de equipo o día da súa despedida (Foto: RC Deportivo).
photo_camera "Homenaxe" a Álex Bergantiños dos seus compañeiros de equipo o día da súa despedida (Foto: RC Deportivo).

O Deportivo viviu unha fin de semana de emocións. Ademais de conquistar este sábado o LXXVIII Trofeo Teresa Herrera ante 16.127 espectadoras e espectadores, após derrotar ao Red Bull Bragantino brasileiro con claridade, e proclamarse campión do XI Trofeo Teresa Herrera feminino, organizou varios homenaxes que tiveron como protagonistas aos ex xogadores do club, Mauro Silva e Bebeto, e ao que fora o seu adestrador, Luís Suárez.

O propio partido en Riazor foi escenario da despedida do capitán branquiazul, Álex Bergantiños, que foi substituído após disputar os seus últimos minutos como xogador profesional, 21 como o número de temporadas que pertenceu á disciplina branquiazul desde a súa chegada en idade xuvenil.

Terceiro Teresa Herrera para as galegas

No terreo deportivo, a xornada futbolística comezou coas xogadoras do Deportivo Abanca proclamándose campioas do XI Trofeo Teresa Herrera ao vencer por 2-0, grazas a un gol en cada a parte, ao Deportivo Alavés Gloriosas.

As galegas abriron o marcador no seu primeiro achegamento claro á portería visitante no minuto 10 de partido. Chegada pola dereita de Laurina, centro á área da asturiana e rexeite en curto das visitantes que aproveitou Paula Gutiérrez para enganchar o balón morto ao bordo da área pequena e bater a Jana Xin.

Na segunda metade, malia contar con menos ocasións, as galegas sentenciaron o encontro no minuto 73, cando Eva Dios controlou un centro de Charle desde o extremo esquerdo e superou con tranquilidade a Sofía para colocar o 2-0 no marcador.

O conxunto branquiazul conquistou, desta maneira o Trofeo Teresa Herrera por terceira vez, tras os éxitos de 2016 e 2022, converténdose no equipo máis laureado.

Vitoria e despedida de Bergantiños

O LXXVIII Trofeo Teresa Herrera prometía e non defraudou. Primeiro foi  a emotiva despedida do capitán do equipo, Álex Bergantiños, no minuto 21. O coruñés é o noveno xogador con máis partidos na historia do Club (336) e para o seu adeus os xogadores de ambos os equipos fixeron un corredor entre o que saíu Álex, vestido coa camiseta que lle levaron os seus fillos ao centro do campo por expreso desexo do xogador, para abandonar o campo vestido coas cores da súa vida, o branco e o azul.

Na continuación do partido comezaron os goles. O primeiro foi obra de  Barbero, tras cabecear desde o punto de penalti un centro de Paris Adot.

Despois do descanso, Imanol Idiakez, o novo adestrador deportivista, realizou un só cambio e foi na portería con Mackay en lugar de Germán.

Davo foi o protagonista no minuto 59, cando fixo o segundo tanto ao aproveitar a indecisión dos centrais e o 3-0 non tardou en chegar. Só catro minutos despois, Barbero definiu un man a man con Fernando Costa após un desmarque en busca dun pase en profundidade de Víctor Narro.

O marcador fechouno Jose Ángel, ao transformar un penalti cometido sobre Kevin no minuto 79.

Comentarios