A selección galega loitará na casa pola Copa das Rexións

A UEFA outorga á Galiza a organización do torneo continental
Na Fase Intermedia a Irmandiña non tivo rival. (Foto: Futgal).
photo_camera Na Fase Intermedia a Irmandiña non tivo rival. (Foto: Futgal).

A selección galega de fútbol loitará por facer historia na súa casa e co apoio da súa xente logo de que a UEFA, o organismo reitor do deporte rei a nivel europeo, escollera onte nunha reunión que tivo lugar na súa sede de Nyon (Suíza) a candidatura presentada pola Galiza para albergar a Fase Final da Copa das Rexións.

Isto chega meses despois de que a Irmandiña lograra unha lendaria clasificación desde a Fase Intermedia, o que levou á Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) a trasladar á súa homóloga estatal o seu interese en ser anfitrioa da parte decisiva da competición, elevando esta a candidatura galega á UEFA.

Durante a próxima semana está prevista a visita á Galiza dunha delegación da propia UEFA para escudriñar os posíbeis estadios que serán sede desta Fase Final da Copa das Rexións, así como para definir aspectos organizativos e as datas concretas dunha competición que está programada no mes de xuño do presente 2023.

De cara a esta concesión, o organismo que preside Aleksander Čeferin destacou a organización da Fase Intermedia que o pasado mes de outubro se desenvolveu na Galiza, e puxo en valor a "alta capacidade" da RFGF para a organización da Fase Final dun campionato que, calculan, vai ter un potente impacto económico no país, "superior a un millón de euros", xa que até aquí se desprazarán un total de oito seleccións europeas que loitarán polo título continental do fútbol non profesional.

Oito aspirantes

A Irmandiña tamén coñece xa os seus posíbeis rivais nesta Fase Final da Copa das Rexións. Lisboa foi a última selección en obter o boleto para pelexar polo cetro europeo, logo de finalizar en primeiro lugar nun grupo no que tamén estaban Kolos Cherven (Bulgaria), Tampere (Finlandia) e o Kayseri turco.

Deste modo, a selección galega -que chega tras pasar por enriba de Pest (Hungría), Xenebra (Suíza) e Ljubljana (Eslovenia), terá como posíbeis adversarios nun dos dous grupos nos que quede encadrada, ademais da antedita Lisboa, Bavaria (Alemaña), Belgrado (Serbia), Dolny Śląsk (Polonia, vixente campión), República de Irlanda, Zenica-Doboj (Bosnia-Herzegovina) ou Zlín (República Checa).

Comentarios