A Irmandiña de fútbol prepárase para loitar pola Copa das Rexións

A Galiza acollerá a Fase Intermedia da Copa de fútbol das Rexións en outubro. Na competición terá diante como rivais a Xenebra (Suíza), Pest (Hungría) e Liubliana (Eslovenia). En xogo a oportunidade de chegar á final que se disputará en xuño de 2023.
Iván Cancela facendo indicacións aos seus xogadores (Foto: RFGF).
photo_camera Iván Cancela facendo indicacións aos seus xogadores. (Foto: RFGF)

A selección galega UEFA de fútbol regresou aos adestramentos para preparar a Fase Intermedia da Copa das Rexións que se disputará na Galiza do 6 ao 12 de outubro. O elenco que prepara Iván Cancela, vixente campión de España e representante estatal nesta cita europea, exercitouse no Campo Novo do Doce da Escravitude (Padrón)  nunha convocatoria que contou con 22 futbolistas.

Tras as primeiras sesións, que comezaron a pasada terza feira, o equipo galego ten previsto realizar varias máis e disputar algún encontro amigábel para afrontar a gran cita nas mellores condicións. 

Xenebra, Pest e Liubliana, as rivais da Galiza 

A selección galega, vixente campioa da fase estatal tras derrotar o 11 de marzo do 2020 a Andalucía, terá diante os representantes de Xenebra (Suíza), Pest (Hungría) e Liubliana (Eslovenia). Agora mesmo está clasificada para a fase final Dolny Śląsk (Polonia) vixente campioa. Encadrada no Grupo 7, a Irmandiña xogarase o único billete que hai na competición para a fase final europea do 6 ao 12 de outubro nos campos de Baltar (Portonovo, Sanxenxo) e A Lomba (Vilagarcía de Arousa).

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), segundo explica nun comunicado, mantén abertas as conversas co concello de Vilagarcía de Arousa e mais co de Sanxenxo para que a competición se desenvolva nas mellores condicións “agradecendo a boa disposición amosada polos consistorios”. 

Iván Cancela amosou nos adestramentos a súa ledicia "de estar de novo aquí" e asegurou que afrontan esta etapa "coa máxima ilusión e ambición". Para o técnico "xogar na casa ten que ser un factor chave para estar na fase final".

Final en xuño de 2023

En total, inscribíronse 36 federacións, das cales Malta e San Marino presentarán seleccións nacionais amadoras e o resto estará representado polas seleccións rexionais. As seleccións das 31 federacións con maior coeficiente de competición, entre elas a galega, comezarán na Rolda Intermedia, e as outras cinco participarán na rolda preliminar para pelexar polo posto restante da rolda intermedia.

As oito gañadoras dos grupos clasificaranse para a fase final que terá lugar, en principio, nas dúas últimas semanas de xuño de 2023.

Comentarios