A selección galega de fútbol amateur xogará ante o Miño

O partido do 21 de novembro será benéfico.
A Irmandiña celebra a vitoria ante Belgrado por 3-1 (Foto: UEFA).
photo_camera A Irmandiña celebra a vitoria ante Belgrado por 3-1 (Foto: UEFA).

Co punto de mira na inminente disputa da súa fase estatal, a selección galega de fútbol amateur, que o pasado mes de xuño logrou proclamarse por vez primeira campioa da Copa das Rexións UEFA volverá vestirse de curto a próxima semana para continuar preparando a nova edición do torneo continental.

O combinado que dirixe Iván Cancela, tras levar a cabo os tres primeiros adestramentos da tempada e disputar un encontro amigábel ante o Club Silva da Coruña que rematou con triunfo da Irmandiña por tres goles a cero, afronta a próxima semana o seu segundo compromiso preparatorio.

Nesta ocasión a súa transcendencia vai alén do eido meramente futbolístico, pois o choque adquirirá un marcado carácter solidario. Programado o 21 de novembro ás 19 horas da tarde no campo de Gallamonde e coa Asociación Deportiva Miño como rival, a campioa da Copa das Rexións UEFA contribuirá a recadar fondos para axudar á rehabilitación dunha casa familiar da vila que o ano pasado foi arrasada por un incendio, unha traxedia que se cobrou a vida dunha muller de 60 anos de idade.

De cara a este partido, que será presentado oficialmente esta quinta feira no Concello de Miño, Iván Cancela xa deu a súa listaxe de convocados, que integran un total de 18 futbolistas de nove equipos diferentes: Javi Liz (Sarriana), Minibugy e Manu Mariñas (Somozas), Jesús Varela e Pablo Goitia (Alondras), Sergio Cotilla, Diego Enjamio e Brais Vidal (Arousa), Santi de Prado (Unión Deportiva Ourense), Adri Otero, Antonio González, Gabio González e Cañi (Atlético Arteixo), Álex Rey e Antón 'Kopa' (Rápido de Bouzas), Álex Lorenzo (Bergantiños) e Pablo Carabán (Estradense).

Novo torneo de gaélico

Cambiando o foco, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico organizará unha nova competición. Trátase da Liga Máster, unha denominación que retrotrae aos vellos tempos do Pro Evolution Soccer e que será exclusiva para os veteranos deste deporte, pois reunirá os mellores practicantes que conten con máis de 35 anos.

Na súa primeira edición participarán un total de catro equipos, aspirando a facerse co triunfo os coruñeses Fillos de Breogán, os vigueses de Keltoi, Turonia de Gondomar e Irmandinhos da Estrada. 

Comentarios