A Irmandiña de gaélico apura a súa estrea nos World Games

O Mundial de fútbol gaélico regresa despois de catro anos de parada imposta pola pandemia, e faino cunha Irmandiña que, en palabras do seu seleccionador, afronta "con ambición" unha competición que podería supor o broche de ouro "ao mellor ano da historia do deporte na Galiza". 
A selección feminina de fútbol gaélico na Estrada (Foto:AGFG).
photo_camera A selección feminina de fútbol gaélico na Estrada (Foto:AGFG).

Chegou a hora da verdade para a selección gaélica de fútbol gaélico. O único combinado nacional ao que non lle impiden competir oficial e internacionalmente debuta nos World Games, o Mundial da modalidade, que alcanza a súa cuarta edición despois das disputadas en 2015 (Abu Dhabi, EAU), 2016 (Dublín, Irlanda) e 2019 (Waterford, Irlanda).

A irrupción da pandemia da Covid-19 supuxo un longo impasse de catro anos no seu desenvolvemento que chegará á súa fin a próxima segunda feira, 24 de xullo. Agora, o torneo regresa á terra nai do gaélico, Irlanda, e máis en concreto a Derry, a onde chegará no serán de mañá domingo a delegación galega vía autocar despois de aterrar en Dublín.

Desde a organización, que corresponde á Asociación Atlética Gaélica, destacan que será a edición "máis grande até o momento", concentrando máis de 2.000 xogadores e xogadoras procedentes de 10 países diferentes e repartidas en numerosas categorías e códigos, como o antedito fútbol ou o hurling.

A Irmandiña desprazará até Derry catro conxuntos: un sénior masculino, un sénior feminino, un masculino intermediate e un feminino intermediate.

Jano Sanmartín, seleccionador dos varóns en ambas as categorías xunto con Alberto Méndez, expresou para Nós Diario que tanto o masculino como o feminino sénior viaxan a Derry "cunha idea ambiciosa" e coa firme convicción de que teñen posibilidades de "chegar lonxe". 

"As mulleres levan moitos anos alcanzando as fases finais, e nos homes hai unha nova xeración moi capaz, por iso penso que o obxectivo pode situarse en clasificar para as semifinais", sinalou Sanmartín, manifestando ademais a súa satisfacción polo estado actual do deporte, que "está vivindo o mellor ano da historia".

O broche de ouro sería, por suposto, alcanzar o podio no Mundial, para o que será fundamental comezar con bo pe. A Irmandiña sénior masculina debuta o 24 ás 10.30 contra Gran Bretaña, mentres que a feminina arrancará o mesmo día, pero ás 11 horas, ante Camboxa.

Comentarios