A Irmandiña de gaélico, a punto para Derry

A selección galega de fútbol gaélico ten todo preparado para participar no Mundial que decorrerá entre o 24 e o 27 de xullo na localidade irlandesa de Derry. Tras meses de adestramentos, o combinado viaxará "en modo ambicioso" con catro equipos de diferentes categorías. Os primeiros rivais confirmados serán Canadá e Camboia.  
A selección feminina de fútbol gaélico na Estrada (Foto:AGFG).
photo_camera A selección feminina de fútbol gaélico na Estrada (Foto:AGFG).

O Mundial de fútbol gaélico agarda a selección galega. A Irmandiña ten xa todo preparado para participar na súa cuarta cita mundialista, do 24 ao 27 de xullo, nun campionato que reunirá case cen equipos internacionais.

Desta vez, a Galiza tentará superar os éxitos alcanzados no anterior certame, de 2019, en que conseguiu un terceiro posto na categoría feminina. Os primeiros encontros, antes da confirmación oficial que se realizará a vindeira segunda feira, serán o 24 de xullo entre a selección masculina galega contra Canadá e a feminina, que terá diante o equipo de Camboia. 

Bo nivel da selección

Tras a xornada de convivencia da pasada fin de semana na Estrada (Terra de Montes), o equipo técnico deu a coñecer a convocatoria oficial de 26 mulleres e 26 homes que conformarán os catro equipos oficiais que viaxarán para formar parte en categoría sénior e ‘development’. 

O seleccionador nacional, Alexandre Sanmartín, Jano, explica a Nós Diario que levan “meses” adestrando, con xornadas semanais preparatorias desde xaneiro, ademais de participar en torneos como o que decorreu na Haia. Un "feixe" de horas de partidos e adestramentos que fan pensar, como indica Jano que poden ir “en modo ambicioso, polas condicións que se dan para facer un bo papel”.

Porén, alerta da presenza de equipos moi potentes, “como, no caso masculino, de Gran Bretaña, Francia e Australia". No feminino refírese aos dous últimos equipos "e ao combinado de Nova York”. O feito de comezar con tempo a preparación permitiu realizar unha escolla de deportistas “máis doada”, amais de contar coa vantaxe de asistir  “a torneos de calidade, como os europeos ou as finais ibéricas nos que participamos”.

Jano confesa que tras once anos de selección “hai un núcleo, sobre todo de xogadoras, que repiten desde que gañaron en Lorient (Bretaña)”. Son sete deportistas que marcaron a liña de éxitos da Irmandiña desde 2018 até chegar á final do Campionato Europeo de 2022. “No caso da masculina é diferente, temos un conxunto híbrido, con rapaces novos que están despuntando”, indica. 

A participación en competicións oficiais da selección galega neste deporte xa é habitual. Porén, representar a Galiza segue a ser, para Jano, “un orgullo e toda unha responsabilidade de facer as cousas ben".

Comentarios