Rubiales pide o arquivo da súa causa ante o Tribunal de Arbitraxe Deportivo

O mandatario denuncia que está sufrindo un "linchamento".
O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press).
photo_camera O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales. (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press).

O ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, solicitou o arquivo e sobresemento do expediente aberto polo Tribunal Administrativo do Deporte (TAD), que propuxo unha sanción de tres anos de inhabilitación tanto polo bico sen consentimento á futbolista Jennifer Hermoso como pola súa actuación no palco logo da final no recente Mundial de Australia 2023.

Así reza no escrito de alegacións, de 18 páxinas, presentado onte por Luis Rubiales ante o TAD tras a proposta de dúas sancións, cada unha dun ano e seis meses, por considerar senllas actuacións como "infraccións graves" pola Lei do Deporte e a lexislación de disciplina deportiva.

Os anteditos castigos "non se corresponden", segundo a defensa do antigo mandatario, co razoado no resto do texto da proposta de resolución, senón que aparecen "desconectadas" e proxectan unha petición "arbitraria" e "inxustificada". Neste sentido, Rubiales considera que a sanción debería ser dun "apercibimento, multa ou inhabilitación de tres ou de seis meses".

No escrito, o ex presidente da RFEF lamentou que o TAD solicitase, a pesar de considerar que os feitos eran "notorios" e "públicos", un informe ao Consello Superior de Deportes (CSD), que recolle unha "mera compilación de artigos de prensa", pero non o impacto nas redes sociais, co que confesa a súa "permeabilidade" e "influencia" por parte da presión mediática e os poderes políticos.

Neste sentido, anticipou que, no caso de que a sanción teña por base a "arbitrariedade", "permeabilidade" e "ausencia de obxectividade legal e tipificación", están a "servirlle en bandexa" acudir á xurisdición penal. "Que é o que xa lles anuncio que farei no caso de que se consume unha sanción por estes feitos", adiantou.

Rubiales tamén subliñou que  "o fugaz bico, non na boca, senón nos beizos, foi consentido, e quen diga o contrario, está a faltar á verdade. Todo o exposto por min até a data foi a miña única versión e así será. As probas visuais, condutuais, incluso as declaracións espontáneas de ambas as partes tras o sucedido así o indican", reiterou, en contra da versión ofrecida pola futbolista Jennifer Hermoso na súa recente declaración ante a fiscalía.

Máis en DEPORTES
Comentarios