Jenni Hermoso afirma que sufriu ameazas logo do bico de Rubiales

"Son máis consciente do que significa o feminismo", defende.
Jennifer Hermoso xoga no Pachuca mexicano. (Foto: COI)
photo_camera Jennifer Hermoso xoga no Pachuca mexicano. (Foto: COI)

A dianteira do Pachuca e campioa do mundo de fútbol, Jennifer Hermoso, revelou esta segunda feira que chegou a "recibir ameazas" logo do bico non consentido que lle deu nos beizos o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales. "Chegaron como consecuencia dun acto que non provoco e que non elixira nin premeditara", explicou, confesando que nunca pensara en estar "no punto de mira", segundo engadiu.

Nas súas primeiras declaracións desde que levantara a Copa do Mundo en Australia e de todo o acontecido co mandatario na entrega de medallas, Hermoso recoñeceu que viviu unhas semanas "moi difíciles".

"O ter que contalo unha e outra vez estábame facendo moito dano, pero sei que o tiña que soltar dalgunha maneira", comentou a de Madrid, sen ocultar o seu "sufrimento".
Con todo, destacou o alivio que lle supuxo o apoio "do movemento feminista": "Penso que por iso houbo tanto balbordo, e, en concreto, trataron de facerme dano a min como persoa. Moitas de nós fomos máis conscientes do que realmente significa a palabra feminismo, porque no fútbol vivimos en primeira persoa a loita pola igualdade".

"Chamáronnos caprichosas, dixeron que queriamos cobrar igual que os mozos cando non era verdade, e dáme moita rabia que digan que o feminino non xera tanto como o masculino. Simplemente, queriamos o máis básico: un salario mínimo, que se nos respectase e se nos dese a oportunidade de poder facer algo moi grande", apostilou, ao mesmo tempo que recalcaba que hai cousas "que non foron normais nunca".

Así, a futbolista, de 33 anos, insistiu en que quere que se lle lembre como "unha persoa que tentou que moitas mentalidades cambien". "O movemento #Acabouse debe traer unha nova era", rematou.

Comentarios