As rúas da Coruña recuperan este domingo o seu maratón máis popular

Volve a maratón á Coruña. A participación federada buscará conseguir ou revalidar os títulos oficiais
A Coruña acolleu a anterior proba de maratón en 2019 (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Coruña acolleu a anterior proba de maratón en 2019 (Foto: Nós Diario).

Este domingo volve ás rúas da Coruña a competición de atletismo de longa distancia por excelencia: o maratón. Após a suspensión destes anos pola pandemia, a cidade recupera unha das citas máis agardadas do seu calendario deportivo.

Será o IX Maratón Atlántica Coruña42, cunha distancia homologada de 42.195 metros, que coincidirá co Campionato da Galiza Absoluto e de Veteranos Individual e de Clubs, incluído no calendario estatal da Real federación Española de Atletismo (RFEA). Paralelamente, realizarase unha proba de 10 km. 

Un total de 3.952 participantes realizaron a súa inscrición nas probas populares e algo máis dun cento disputarán oficialmente o Campionato Xunta da Galiza, que contará coa presenza da actual campioa galega absoluta, Rosario Figueroa, como clara aspirante a revalidar o seu título. Con ela tamén estará a campioa da edición do ano 2019, Vanesa Rama, na F40, así como Santiago Vázquez, na M50, e José Pita, na M60.

Por clubs, serán os vixentes campións Atletismo Fene en homes e Egovarros de Viveiro en mulleres os que pelexarán por reeditar o título logrado no ano 2019 sobre este mesmo escenario coruñés. 

Volver ao maratón

Armando Rodríguez estaba na directiva e adestraba o Atletismo Fene en 2019 cando lograron o título por equipos. Na actualidade, formou o seu propio club ademais de seguir preparando atletas. Para este maratón coruñés, traballou con Jonathan Fernández e Aldo Regueira, deportistas que conseguiron o título para Fene na anterior edición e que agora corren para a Agrupación Deportiva Náutico de Narón.

“Ambos os dous procurarán facer un bo papel por equipos e, a nivel individual, Jonathan na categoría absoluta e Aldo na de máster”, explica este preparador a Nós Diario

Cambios no circuíto

A proba dará comezo ás 8 horas con saída desde Porta Real e chegada a María Pita. Este ano, contará con algúns cambios en relación a edicións anteriores, incluíndose novos trazados máis chairos, planos e céntricos coa intención, segundo a organización, de facilitar a consecución de mellores rexistros. 

Rodríguez e os seus pupilos estudaron o percorrido de cara ao domingo. “Amplían pola zona portuaria e mantense case chan mais a circunstancia que pode influír na competición virá das condicións climatolóxicas”, sinala. En concreto, un dos factores que considera como “o principal inimigo nun maratón” sería “o vento”.

A través de dispositivos electrónicos, visualizaron como será o percorrido da carreira deste ano “e os seus xiros en determinados treitos” aínda que por experiencia propia opina que “até o mesmo día da competición non se saberá como son en realidade, hai elementos que descubrirán ese día”. 

Para o adestrador, estes deportistas amadores, como a maioría dos que participan neste maratón, teñen un mérito grande. Pon como exemplo o de Jonathan e Aldo que “son xente traballadora que ten que adaptar as quendas das súas empresas para poder adestrar todos os días, mesmo as fins de semana, para correr esta proba dunha maneira digna”.

Comentarios