O Medio Maratón A Coruña 21 regresa dous anos despois

Até o de agora inscribíronse 1.300 corredoras
A carreira, presentada no Obelisco herculino, naceu no ano 2009. (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera A carreira, presentada no Obelisco herculino, naceu no ano 2009. (Foto: Concello da Coruña).

O Concello da Coruña presentou na xornada de onte unha nova edición da carreira C21: o Media Maratón. Esta será a primeira proba destas características que se desenvolva tras dous anos de interrupción por mor da pandemia e tras o progresivo regreso das carreiras populares ás rúas herculinas.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, foi a encargada de presentar as principais características deste certame, que se levará a cabo o 13 de febreiro a partir das 9.30 horas e que contará cun percorrido homologado pola Federación Galega de Atletismo (FGA), representada neste evento polo seu presidente, Isidoro Hornillos.

Será unha proba a unha soa volta, a diferenza das anteriores edicións, cando se percorría un circuíto a dúas. A maiores, esta será a segunda vez, logo da edición do 2015, na que a C21 se desenvolva nun único traxecto, co obxectivo de mellorar aínda máis as características de rapidez tan propias dun evento que naceu o 21 de xuño do 2009. A saída e a meta estarán situadas na zona do Obelisco, no Cantón Grande, lugar desde o que se presentou a carreira. 

Do mesmo modo que ocorreu coa súa irmá pequena, a C10, unha das novidades do circuíto en 2022 será o seu paso polos peiraos do Porto, que este ano quedarán abertos á cidadanía. Tamén é inédito o paso pola céntrica rúa de San Andrés, en pleno proceso de transformación nun bulevar peonil. O trazado completarase co habitual percorrido desde O Parrote até Oza, ampliándose nesta ocasión cun tramo que seguirá a antiga beira do río Monelos.

Obxectivo: esnaquizar o récord da proba

A gran meta do C21 neste regreso será tratar de rachar co récord da proba, estabelecido nunha hora, dous minutos e 30 segundos na categoría masculina e 1.11.16 na feminina. A persoa que o consiga, tal e como anunciou a organización, recibirá 1.000 euros de premio.

Até o de agora o Concello coruñés confirmou a inscrición de "máis de 1.300 participantes", aínda que xa está aberto un segundo prazo para apuntarse e que se estenderá até o 6 de febreiro -a un prezo de 30 euros-, ao que sucederá un derradeiro e extraordinario até o 8 do mesmo mes cun custo para esas persoas inscritas de última hora de 40 euros.

Comentarios