Os Riazor Blues non asistirán ao Teresa Herrera polo convite ao Metalist de Kharkiv

O estadio de Riazor, din, "recibirá a visita dun equipo coñecido pola fama neonazi da súa afección, con grupos paramilitares que participan activamente no Batallón Azov".
O Metalist de Kharkiv, rival do Dépor, é un equipo ascendido á máxima categoría en 2022 con simpatizantes nazis entre a súa afección. (Foto: Instagram SPC)
photo_camera O Metalist de Kharkiv, rival do Dépor, é un equipo ascendido á máxima categoría en 2022 con simpatizantes nazis entre a súa afección. (Foto: Instagram SPC)

A peña deportivista Riazor Blues vén de amosar o seu rexeitamento ao convite do Concello da Coruña e o Real Club Deportivo ao equipo ucraíno Metalist Kharkiv para disputar o Teresa Herrera, algo que ao seu entender busca "fomentar unha hipócrita ligazón co pobo ucraíno".

Así, os Blues anuncian que non asistirán ao partido porque o estadio "recibirá a visita dun equipo coñecido pola fama neonazi da súa afección, con grupos paramilitares que participan activamente no Batallón Azov".

"Lamentamos a situación da poboación civil que tivo que fuxir da súa terra, mais consideramos que este partido segue a mesma liña política que xa vimos desde as institucións", precisan.

Así, fan alusión a "unha solidariedade moi selectiva, que ignora as vítimas doutros puntos de planeta e apoia réximes de carácter neonazi, con masacres e asasinatos ás súas costas desde 2014". Desde Riazor Blues aseguran non esquecer as vítimas do Donbass e din que expresarán, "unha vez máis", a súa "solidariedade antifascista con este territorio".

Aliás, lamentan que a 'fila 0' de doazóns vaia destinarase ás vítimas perante a Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA Ucraína), "que nas últimas semanas procurou a censura dunha actuación musical na Coruña", en alusión ás peticións de cancelación dun concerto do músico serbio Emir Kusturica.

Apoio ás vítimas dos incendios

 Por outra parte, os Blues consideran unha "verdadeira vergoña" que o clube e o concello "non aproveiten este trofeo para habilitaren unha colaboración económica coas localidades galegas máis afectadas polos incendios".

"Este verán estamos a sufrir unha vaga de lumes que deixou imaxes desoladoras con familias que viron arder o seu fogar", salientan, ao tempo que avanzan o seu desexo de "estabelecer unha rede de apoio para esas familias, tanto a nivel económico como material".

Comentarios