O Teresa Herrera, ao servizo de Ucraína

O decano dos torneos de verán estará dedicado "ás vítimas da invasión"
O Metalist de Kharkiv, rival do Dépor, é un equipo ascendido á máxima categoría en 2022 con simpatizantes nazis entre a súa afección. (Foto: Instagram SPC)
photo_camera O Metalist de Járkov, rival do Dépor, é un equipo ascendido á máxima categoría en 2022 con simpatizantes nazis entre a súa afección. (Foto: Instagram SPC).

Dicía José María García aquilo de "o rumor é a antesala da noticia", unha afirmación non poucas veces convertida en axioma que aplica para a edición de 2022 do Trofeo Teresa Herrera, pois tras semanas de ruxe ruxe o Concello da Coruña e o Real Club Deportivo confirmaron que será un equipo de Ucraína o que dispute o decano dos torneos de verán na súa modalidade masculina. 

A organización do histórico evento xustificou a decisión amparándose na "solidariedade coas familias afectadas pola invasión rusa", apuntou a alcaldesa, Inés Rey.  

"Este ano o Teresa Herrera será solidario, como cando hai 77 anos naceu o trofeo", afirmou o presidente do Deportivo, Antonio Couceiro, quen convidou á afección "a asistir ao partido e, no caso de non poder, invitar á xente a facer doazóns solidarias na fila 0 que habilitaremos para axudar ás persoas de Járkov".

Desta última localidade procede o equipo que se enfrontará ao Deportivo, o Metalist, nun choque programado para as 20.30 horas do próximo sábado 13 de agosto no Estadio Municipal de Riazor, logo de que conclúa o TH feminino entre Dépor e Famaliçao de Portugal (18.30 horas).

O Metalist é un equipo recentemente ascendido á Premier League ucraína que continúa así a liña de escuadras de perfil baixo pola que vén optando a organización do outrora torneo máis relevante da tempada estival nos últimos anos, nos que desfilaron por Riazor clubs menores como a Ponferradina ou un combinado de afeccionados da Coruña.

Por outra parte, esta non é a primeira vez que un conxunto ucraíno participa no Trofeo Teresa Herrera, pois o Dinamo de Kiev foi unha das grandes sensación do certame nos anos 80. Aquel equipo, a diferenza do Metalist, non só era o mellor do país senón de todo o bloque soviético.

Así, baixo a dirección do lendario Valeri Lobanovskyi, en 1981 Oleg Blokhin -gañador do Balón de Ouro en 1975- e compañía fixéronse co torneo tras superar Barcelona e Atlético de Madrid. Repetiría triunfo ao ano seguinte, nunha edición na que por vez primeira a Torre de Hércules que representa o trofeo Teresa Herrera non se fixo en prata, como era habitual, senón en ouro, fallando no seu intento do lograr o triplete en 1983. 

Comentarios