Reencontro Lugo-Albes no debut ligueiro

Os albivermellos abrirán a Liga contra o Albacete do seu ex adestrador 
O calendario deparou un duelo fratricida entre os da Cidade da Muralla e Rubén Albés, responsábel directo das dúas últimas salvacións. (Foto: Albacete Balompié).
photo_camera O calendario deparou un duelo fratricida entre os da Cidade da Muralla e Rubén Albés, responsábel directo das dúas últimas salvacións. (Foto: Albacete Balompié).

Gatopardismo é un concepto cada vez máis demodé  -outra que tal baila- que deriva do italiano Gattopardo, título dunha novela de Giuseppe Tomasi na que afonda na decadencia da nobleza siciliana na época da unificación italiana, incidindo no feito de que "todo cambia para que as cousas sigan iguais".

A Liga do Fútbol Profesional de Javier Tebas semella familiarizada con esta filosofía do gatopardismo, pois van pasando as tempadas e mudando as normativas, pero o Club Deportivo Lugo continúa sendo ano tras ano un dos equipos máis maltratados polo calendario.  

Na xornada de onte a LFP deu a coñecer os horarios das tres primeiras xornadas na Segunda División e, como non podía ser doutro modo, o único representante galego viuse desprazado a xogar a noite dunha segunda feira. 

Así, a escuadra albivermella debutará na 2022/23 o 15 de agosto ás 19.30 no Ángel Carro nin máis nin menos que ante o recentemente ascendido Albacete Balompié. O interés -ou sería mellor dicir morbo?- está servico, pois o Queixo mecánico está dirixido por quen fora adestrador do Lugo até o pasado 30 de xuño, Rubén Albés.  

A segunda data do calendario lucense será contra o Tenerife no Heliodoro Rodríguez López nun horario tamén complexo, ás 22 horas dun domingo (21 de agosto). Por último, na terceira xornada regresará ao Ángel Carro, onde recibirá o Leganés o sábado 27 de agosto ás 19.30 horas.

Mais o calendario non monopolizou a atención na cidade da Muralla, pois a directiva informou de que o gardameta Patrick Sequeira -que a pasada tempada só xogou tres partidos no Real Unión de Irún de Primeira Federación- asinou un contrato por tres tempadas e arrancará o próximo día 7 a pretempada co resto dos seus compañeiros.

Celta: ola aos adestramentos no adeus a Brais Méndez

O Real Club Celta de Vigo retomou na mañá de onte os adestramentos logo de dar por concluídas as vacacións de verán. Na Cidade Deportiva estiveron homes como Williot Swedberg, a única fichaxe celeste até o de agora, pero destacou a ausencia do galego Brais Méndez, que será traspasado á Real Sociedade por 15 millóns

Bergantiños e Fisterra, campións da Copa da Costa

O Bergantiños proclamouse de novo campión da Copa da Costa. O equipo de Carballo é o vencedor, deste modo, das dúas edicións disputadas  até o de agora. 

A escuadra cabeza de comarca  confirmou a súa condición de favorita gañando con contundencia ao Noia (9-1) nun partido que foi unha festa do fútbol, cun gran ambiente no campo da Fontenla de Santa Comba.

Guiadas por unha Cruz espectacular, o Bergan xa encarrilou o partido desde os primeiros instantes, xa que con só con catro minutos de xogo chegou o primeiro gol, obra de Lara López. Dous tantos de Cruz practicamente consecutivos no 15 e no 18 deixaron o encontro case sentenciado, abrindo a porta a un carrusel de goles até o nove a un final.

No referente á Copa da Costa masculina, esta está xa na sala de trofeos da Sociedade Deportiva Fisterra xunto ás tres que conquistou en anos anteriores. Na final superou á Esteirana nun ateigado campo da Fontenla. O encontro decidiuse na segunda metade, grazas a un excepcional disparo coa perna dereita de Víctor Casais. 

Comentarios