domingo 12.07.2020
FILLAS DE BREOGáN SON O PRIMEIRO EQUIPO GALEGO EN GAñAR O CAMPIONATO IBéRICO

“Queriamos gañar custase o que custase”

As Fillas de Breogán proclamáronse campioas ibéricas en Madrid, conseguindo por primeira vez na historia dun clube galego, a máxima competición na que participan todos os equipos da rexión Ibérica da ECB (European County Board). Este fito consolida unha tempada redonda das Fillas que, en Galiza, tamén gañaron liga e copa.

As Fillas de Breogán celebrando a súa vitoria en Tres Cantos
As Fillas de Breogán celebrando a súa vitoria en Tres Cantos

Firmaron, con esta vitoria, un triplete sen precedentes no fútbol gaélico galego con dificultades engadidas, pois tiveron que xogar o primeiro encontro con inferioridade numérica, debido ás lesións que sufriron Paula e Raquel na primeira metade. Viaxaron só once xogadoras a Tres Cantos e isto fíxolles afrontar o primeiro partido con dúas xogadoras menos. A partir de aí os encontros das Fillas foron de sete contra sete, reestruturación prevista pola organización ante a posibilidade de baixas. Lesións que non foron excepción, pois os equipos acusaron o calor e a falta de rego dun terreo de xogo sintético que endureceu as condicións da competición.

Os equipos acusaron o calor e a falta de rego do terreo de xogo sintético

“Queriamos gañar custase o que custase”, é o sentimento que transmite María Corrachano, quen conta que o inicio foi duro, pero que o equipo se superou para ir “en progresión até acabar gañando”. As coruñesas foron superando roldas: Primeiro a fase de grupos e logo o enfrontamento directo ante as Irmandinhas da Estrada, que remataron terceiras, e chegaron á gran final ante as anfitrioas do Madrid Harpettes. Na final non houbo discusión. As Fillas saíron con todo e despois duns primeiros minutos de encontro disputados, comezaron a abrir oco no marcador até firmar o 24(5-9) a 13(2-7) co que remataría a final.

Humildade na vitoria

Non se lles queda pequeno. O Campionato Ibérico representou un grande reto para as Fillas de Breogán e, ante a posibilidade de abrir fronteiras e xogar contra clubes doutras rexións, non restan valor a esta competición. Barcelona e Madrid son dúas cidades potentes na práctica deste deporte e que contan con moitas irlandesas nas súas filas. O nivel é moi alto, mais “Galiza ten un nivel impresionante”, segundo María.

“En agosto esperamos gañar o Mundial”

Con isto as Fillas de Breogán fechan a tempada perfecta e fixan miras no Mundial: “En agosto esperamos gañar o Mundial”, dixo Corrachano, quen estará entre as seleccionadas galegas para ir a Dublín. Alí, congregaranse as mellores seleccións mundiais de gaélico e poñerase a proba o auxe da nosa selección feminina deste último curso.

comentarios