ESPECIAL CENTENARIO DO CELTA

Quen foron os mellores once xogadores da historia do Celta?

Esta cuarta feira, día no que o Celta de alcanza os 100 anos de vida, revelamos os resultados das enquisas desenvoltas ao longo do mes de agosto no que os e as lectoras de nosdiario.gal escolleron os persoeiros máis destacados da traxectoria celeste.
Este é o '11' ideal votado polos lectores e lectoras de 'Nós Diario'. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Este é o '11' ideal votado polos lectores e lectoras de 'Nós Diario'. (Foto: Nós Diario).

Foi un 23 de agosto, pero do ano 1923, cando comezaba oficialmente a andaina do Real Club Celta, logo dunha Asemblea Xeral na que se escolleu a súa primeira xunta directiva. 

Apenas 13 días antes, os até ese momento principais equipos da cidade olívica, Vigo e Fortuna, congregados na actual Biblioteca Central, unían os seus destinos para sempre nunha nova entidade que recibiu o nome de Real Club Celta, escollido por diante doutras propostas como Breogán, Olímpico, Unión ou Atlantic.

Comezaba así un longo camiño cheo de altos e baixos, momentos inesquecíbeis e nomes que ficarían para sempre no imaxinario colectivo celeste.

A afección toma a palabra

Mais, cales foron non só os once futbolistas que mellor defenderon o escudo coa cruz de Santiago, senón tamén os aspectos con maior relevancia da súa, desde hoxe, centenaria historia? Para decidilo, os lectores e lectoras do dixital de Nós Diario tomaron a palabra ao longo de todo este mes de agosto.

Deste modo, e con 42,66% dos votos, elixiron a versión dos anos 30 do século pasado como a súa favorita de entre as máis de 10 variacións que tivo o escudo ao longo desta centuria.

Con respecto aos himnos, a Oliveira dos cen anos de C. Tangana non convenceu, recollendo tan só 4,07% dos sufraxios, impoñéndose con 50,72% a máis tradicional Foliada do Celta lanzada por A Roda en 1995 .

No referente ás camisetas, como non podía ser doutro modo, foi unha celeste a que gañou, en concreto a primeira equipación coa icónica cremalleira no centro do pescozo e Citröen como publicidade que luciron Mostovoi, Karpin ou Makélélé entre 1999 e 2001 (23,71%). Con ela, en febreiro dese último ano o Celta foi designado pola Federación Internacional de Historia e Estatística do Fútbol -coñecida como IFFHS polas súas siglas en inglés- como mellor equipo do mundo.

Menos igualada estivo a enquisa para designar o mellor presidente de entre os 36 que tivo a escuadra olívica nestes 100 anos, vencendo por maioría absoluta (51,95%) o actual rexedor do club, Carlos Mouriño. A pesar das críticas que recibe pola súa xestión deportiva, a afección recoñeceu o seu labor para que o Celta goce actualmente dun dos períodos de estabilidade máis prolongados desde a súa creación tanto sobre o céspede como nos despachos.

Todo o contrario aconteceu na votación a mellor adestrador, onde Víctor Fernández, arquitecto do Euro Celta que logrou manterse ininterrompidamente disputando competición europea entre 1998 e 2004, superou o home que conduciu o conxunto celeste até as semifinais da UEFA Europa League en 2017, Eduardo 'Toto' Berizzo, por unha diferenza de menos de sete puntos (41,48% para o maño por 34,81% do preparador arxentino).

Esta división desapareceu por completo na escolla do "gran capitán do Celta", onde a pesar de ser ese o seu alcume, e quizais por transcorrer xa máis de catro décadas desde a súa retirada, Manolo Rodríguez recibiu unha ínfima porcentaxe do voto (4,92), erixíndose como o portador do brazalete o ourensán Vicente Álvarez (62,30%), quen colgou as botas en 1996 logo de 15 tempadas defendendo o escudo. 

O mellor '11' histórico

O público tamén decidiu que 11 xogadores son os que mellor representaron o club dos seus amores sobre o céspede de Balaídos -o fogar do Celta desde a súa inauguración en 1928- nestes últimos 100 anos.

Nun posto tan importante como é o de porteiro, o elixido (36,92%) foi o andaluz José Manuel Pinto (1998-2008), gardameta menos goleado da Liga en 2006 e un dos tres únicos gañadores do Trofeo Zamora como celeste xunto con Cañizares e Cavallero.

Na defensa, conformada por tres homes, o lateral dereito é propiedade de Xurxo Otero (1987-1994), que co seu 43,48% dos votos pasou por enriba das votacións a Míchel Salgado (37,68%) e a un dos grandes ídolos da época recente, Hugo Mallo (15,94%).

A banda esquerda tamén é para outro galego, José Ignacio Fernández Palacios, 'Nacho' (1985-1992, 43,94%), mentres que o centro da zaga foi para o mariscal do Euro Celta, Fernando Cáceres (46,97%).

Precisamente a columna vertebral dese bloque copa tres cas catro posicións do centro no campo, sendo Vicente Álvarez (68,81%), que derrotou na súa enquisa Claude Makélélé (33,78%), o único que rompe esa hexemonía. 

Con el figuran o inesquecíbel brasileiro Mazinho (80,82%), o arxentino Gustavo López na banda esquerda (71,01%) e o ruso Valerii Karpin na dereita (82,69%), que supera en porcentaxe de voto ao seu compatriota e gran emblema do Euro Celta, Aleksandr Mostovói (68%), primeiro elixido da terna de atacantes.

O segundo posto, sorprendentemente, non foi para o gran ídolo celtista dos primeiros 90, Vlado Gudelj (40%), senón para o máis veterano da lista, Pahíño (57,50%), gañador do 'Pichichi' de 1948 e líder celeste na súa primeira final copeira (1948). 

Con eles, por suposto, o de Moaña, Iago Aspas (70,27%), o Príncipe das Bateas, que, igual que outras moitas miles de persoas, non oculta o seu amor polo club: "O Celta é a miña vida".  

Esta información foi elaborada de acordo cos resultados das enquisas do día 22 de agosto.

Comentarios