Sen público e coa ameaza da Covid-19, arrancan os Xogos

Dúas galegas, veterana e benxamina do equipo olímpico español en Toquio 2020.
EuropaPress_3668817_skater_julia_benedetti_ficha_embajadora_marca_agua_mineral_cabreiroa
photo_camera Julia Benedetti será unha das primeiras galegas en competir (Foto: Europa Press)

Os Xogos Olímpicos de Verán, o grande evento deportivo mundial, inauguran esta sexta feira en Toquio a súa XXXII edición, un ano despois do previsto e no medio de exixentes medidas sanitarias pola pandemia da Covid-19.

Aínda que hai deportes que xa deron comezo, como o softbol ou o fútbol, será a partir das 13 horas na Galiza cando comece a Cerimonia de Inauguración no Estadio Olímpico da capital xaponesa e se dea apertura oficial.

A aparición do virus a principios de 2020 provocou que, finalmente, o Comité Organizador tivese que adiar a este 2021 uns Xogos nos que leva traballando desde 2013 e que lle están a supor un auténtico reto deportivo e de seguridade sanitaria.

Xapón está a ser extremadamente coidadoso nas súas medidas para evitar que a Covid entre no país e provoque novos contaxios entre unha poboación que pasou do entusiasmo por acoller por segunda vez na súa historia o evento a un amplo rexeitamento polo medo á doenza.

Un novo Estado de Urxencia a dúas semanas do seu inicio provocou que se vaian desenvolver finalmente sen a presenza de público. Un lastre para os deportistas de máis de 200 países que non obstante tiveron que afacerse durante o último ano a esta forma de competir. 

Ademais, nos últimos días comezaron a aparecer casos positivos que fixeron saltar de novo as alarmas, aínda que desde o COI xa deixaron claro que non hai marcha atrás.

Representación galega

Serán un total de 25 os deportistas galegos que compitan en Toquio 2020. De cara a subir ao podio, tendo en conta as actuacións e a forma en que chegaron ao Xapón, salientan os nomes do triatleta Javier Gómez Noya; dos regatistas Iago López, Tamara Echegoyen e Nico Rodríguez; dos padexeiros Carlos Arévalo e Rodrígo Germade;  e da saltadora Ana Peleteiro e do mediofondista Adrián Ben en atletismo. 

A padexeira Teresa Portela fará historia ao se converter na deportista do Estado con máis presenzas olímpicas, con seis, e non desbotou aínda oficialmente seguir sumando participacións. 

No polo oposto, Julia Benedetti, a benxamina con 16 anos, que participará no skate, un dos deportes novos xunto ao surf e ao karate. Non obstante, sobre a táboa será unha das veteranas: unha das súas rivais, a xaponesa Kokona Hiraki, competirá con tan só 12 anos. 

Comentarios