martes 03/08/21

O xefe do comité organizador dos Xogos Olímpicos non desbota outro adiamento

Xa son un total de 72 positivos por Covid os rexistrados na Vila Olímpica.
olympic_stadium_tokyo
O Estadio Olímpico, no centro da imaxe, sede das probas atléticas (Foto: olympics.com)

O director executivo do comité organizador de Toquio 2020, Toshiro Muto, non desbotou a posibilidade de que os Xogos se volvan adiar ou mesmo cancelar se os casos da Covid-19 continúan a dispararse.

Preguntado esta terza feira nunha conferencia de prensa sobre unha cancelación de última hora da cita olímpica debido ao aumento de casos, manifestou que estaría atento ás cifras de infección e mantería conversas cos organizadores de ser necesario.

A tres días de que se inauguren oficialmente os Xogos Olímpicos de Toquio 2020 os casos da Covid continúan a subir. Os organizadores cifraron en 72 os positivos rexistrados até a data, incluíndo deportistas, adestradores, voluntarios e outros traballadores relacionados co evento deportivo.

Na mesma comparecencia, Muto tamén avanzou que os atletas que dean negativo nun test seis horas antes da competición, poderán participar nela aínda que estivesen confinados nas horas previas polas sospeitas de contaxio.

18.000 persoas

A xestión por parte da organización dos positivos e dos seus contactos estreitos, así de como se poderán volver introducir na Vila Olímpica con totais garantías para o resto de residentes, é un tema aínda por dilucidar. O número de persoas relacionadas cos Xogos, vidas de todo o mundo, é de arredor de 18.000.

"Chegados a este punto, os casos poderían medrar ou decaer, non o sabemos. Así que pensaremos que facer cando coñezamos a situación", apuntou Muto. Tras as súas declaracións, os organizadores de Toquio 2020 manifestaron que están a concentrar os seus esforzos en ofrecer uns "Xogos exitosos".

Sen público

O foco de contaxio que máis preocupa neste momento é o da selección surafricana de fútbol, onde dous membros foron postos en corentena tras daren positivo. Tamén hai un contaxio no equipo checo masculino de volei praia e outro no equipo de ximnasia dos Estados Unidos.

Na delegación estadounidense tamén causou baixa Zach LaVine, xogador de baloncesto dos Chicago Bulls, que quedou sen viaxar a Toquio por ter estado en contacto cun positivo.

O inicio dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 está previsto para esta sexta feira, día en que se desenvolverá ─se non hai novidades─ a tradicional cerimonia de inauguración. Hai unhas semanas, Xapón tomou a decisión de que todas as probas deportivas se disputen sen presenza de público nas bancadas.

comentarios