domingo 29/11/20

Julia Benedetti: "As rapazas non practicaban o 'skateboard' nunca e agora cada vez hai máis que se animan"

Benedetti é a proposta do monopatín galego para os Xogos Olímpicos 
A campioa estatal Julia Benedetti no evento Van Girls Skate Camp en Barcelona. (Foto: Dogway)
A campioa estatal Julia Benedetti no evento Van Girls Skate Camp en Barcelona. (Foto: Dogway)

O deporte do monopatín (skateboard) galego conta cunha campioa que ten un gran presente e un prometedor futuro. Julia Benedetti (A Coruña, 2004) leva  este deporte como un pasatempo malia conseguir o campionato de España, competir a nivel internacional e prepararse para participar nos vindeiros Xogos Olímpicos de Tokio 2021. Se o consegue, sería a deportista galega máis nova nese evento. Foxe dos tópicos que durante anos acompañaron esta práctica deportiva asociada ás cidades. Os tempos mudan e as novas xeracións marcan ritmo propio.     

Avante Pouca

Como coñece na Coruña o mundo do skateboard?
Comecei a patinar e a facer skateboard polo meu irmán, cando tiña doce anos. Somos varios na familia e un dos meus irmáns practicaba surf desde había anos. Cando non había ondas na praia, collía o skate e patinaba. Foi así, probando. Gustoume tanto que me mercaron outro para min. Daquela apunteime á escola profesional Maroña na Coruña.

Pensou algunha vez en que podería ser algo máis que un pasatempo?
Segue sendo un hobby. Ao principio non competía e cando fixen os primeiros campionatos de España chamáronme tamén para ir aos campionatos do mundo. Foi a miña primeira viaxe. Non me esperaba que podería viaxar polo mundo. Lembro o día en que me sacaron do colexio para facerme o pasaporte e envialo á federación! Foi unha alegría moi grande. Logo a experiencia foi impresionante. Coñeces xentes doutros países e doutras culturas.

Avante Media 

Que ten este que non teñan outros deportes?
Non o sei explicar. Para min é o mellor, igual que para outra pode ser o atletismo. Se cadra engancheime a el polo tema da velocidade. É máis rápido que outros.

Hai facilidades para a súa práctica hoxe en día?
Agora incrementouse moito a xente que o practica. Hai uns anos non o practicaba case ninguén e neste momento hai máis. Melloran as instalacións. Unha explicación podería ser que agora é un deporte olímpico e ten máis visibilidade.

Como é un adestramento de cara a competir?
Para min non é un adestramento como tal. Vou patinar e pásoo ben. Cando mellor o paso é cando máis aprendo. Se non o paso ben, non me sae nada.   

Escolleu unha modalidade en particular, cal é a razón?
Das dúas modalidades que hai máis coñecidas, Street (rúa) e Pool (piscina) eu fago esta segunda por ser na que comecei. Tamén polo tema que comentaba antes da velocidade, vas máis rápido. Paréceme máis difícil a primeira, igual por non practicala.

Avante Toda

Este deporte sempre se asociou á cultura urbana, a determinada música. Segue sendo así? 
Depende moito da persoa. A xente un pouco máis maior coido que son así. As novas xeracións penso que non tanto. Eu non son así. Non me gusta o rock mais coido que non ten que ver.

Hai igualdade neste deporte?
Hai moitos máis rapaces que o practican e durante máis tempo que as rapazas. Esa circunstancia pode explicar que teñan máis nivel. As rapazas non practicaban este deporte do skateboard nunca e agora cada vez hai máis que se animan.

Cales son os retos que ten por diante?
Con esta situación non hai ningunha competición prevista. Eu tento seguir mellorando e seguir pasándoo ben. Cando veña un campionato farei o mesmo.

Como lle afectou a pandemia?
Eu adestro para non esquecerme, mais boto en falta practicalo onde ía sempre e estar con xente. Tamén o ambiente dos campionatos. Por sorte podo seguir adestrando por contar cun permiso especial de deportista de alto nivel e podo desprazarme. 

Julia Benedetti: "As rapazas non practicaban o 'skateboard' nunca e agora cada vez hai...
comentarios