A PREVIA | O Raio Vallecano pon a proba o 'efecto Giráldez'

Volve o fútbol de Primeira División, e con el un Real Club Celta que afronta o seu segundo partido con Claudio Giráldez á fronte, sabedor de que un triunfo ante un rival directo como é o Raio Vallecano deixaría a permanencia a un paso, obxectivo compartido cun Rácing de Ferrol que xa roza a salvación coa xema dos dedos.
 
Iago Aspas e Claudio Giráldez (Foto: RC Celta).
photo_camera O rendemento da dupla que formen Aspas no céspede e Giráldez no banco promete ser decisivo de cara a lograr a meta da salvación. (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta regresa á acción esta fin de semana, concretamente o domingo (Balaídos, 14 horas), para pór a proba fronte o Raio Vallecano o 'efecto Giráldez' no que será o segundo partido do antigo adestrador do filial á fronte do primeiro equipo, logo da remontada que logrou no campo do Sevilla no seu debut.

Esta choque cos madrileños suporá o exame definitivo para calibrar o impacto no xogo que supuxo a súa chegada ao banco celeste, pois, como el mesmo afirmou durante a súa presentación, a inmediatez coa que debeu encarar o duelo coa escuadra hispalense non lle permitiu "afondar nos cambios" que pretende introducir.

O seu rival nesta xornada 27 de campionato semella idóneo para iso, xa que é un conxunto que adoita deixar xogar, sen recorrer, por contextualizar, ao antifútbol que caracteriza os seus veciños do Xetafe.  

Con Íñigo Pérez á fronte -que substituíu o destituído Francisco en febreiro-, o Raio logrou na última data o seu primeiro triunfo ligueiro desde o 2 de xaneiro, conservando a vantaxe de dous puntos sobre un Celta que ten unha oportunidade de ouro para dar un golpe enriba da mesa que o distancie aínda máis do descenso, non só por enfrontarse a un rival directo, senón porque o calendario deparou que tamén colidan os seus máis inmediatos perseguidores, Cádiz e Granada (mañá, 21 horas).

No referente ao once polo que podería optar Giráldez para tratar de manter a xeira de imbatibilidade en Balaídos ante un Raio que non gaña en Vigo desde 2013, a súa aposta pola táctica 3-4-3 leva a pensar en Guaita na portería;  Mingueza, Domínguez e Núñez como centrais; Álvarez e Manquillo -no caso de recuperarse a tempo da súa fisura no radio distal da súa boneca dereita- ocupando os carrís laterais, con Sotelo e Beltrán no centro; Bamba e Aspas como segundos puntas e Larsen de única referencia na punta do ataque.

O Elxe, un dos grandes da Segunda, visita A Malata

Desprazando o foco á categoría de prata, o Rácing de Ferrol aspira a recuperarse do golpe emocional que supuxo deixar escapar o triunfo no encontro da anterior xornada contra o Albacete, onde desperdiciou dous penaltis, a costa dun dos favoritos ao ascenso, o Elxe, que saltará ao céspede do coliseo ferrolán ás 16.15 horas do domingo.

Lucas Pérez, baixa case definitiva no Deportivo

Con respecto á Primeira Federación masculina, o Dépor, líder cun punto de vantaxe sobre os seus perseguidores cataláns (Barcelona B e Nàstic de Tarragona), disputa co Cornellá (Nou Municipal, mañá, 16 horas) un xogo no que recupera Mella, pero non así Lucas Pérez. Así o afirmou o preparador branquiazul, Imanol Idiakez, quen pese a recoñecer a melloría do dianteiro de Monelos das súas molestias no xeonllo considera que "non vai estar" na convocatoria.

O segundo galego na táboa, o Celta Fortuna, ten un compromiso teoricamente máis doado (Municipal, mañá, 18 horas) fronte o Tarazona, antepenúltimo clasificado.

Máis igualados, polo contrario, prometen estar dous partidos entre entidades da zona media: Cultural Leonesa-Lugo (Reino de León, domingo, 16 horas) e o Arenteiro-Real Sociedade B (Espiñedo, mañá, 19 horas).

Obxectivo: recuperar o liderado ante o Europa 

Restan só catro xornadas para a conclusión da Primeira Federación Feminina, e o único representante da Galiza, o Deportivo, vén de perder o pasado sábado o liderado -única posición que outorga o ascenso directo á Liga F- en favor do Barcelona B. Por iso é tan importante que logre imporse no choque do domingo (Abegondo, 17.30 horas) a outro equipo da Cidade Condal, o Europa.

Comentarios