O Levante pon a proba o novo Lugo de Fran Justo

Previa da xornada ligueira do Club Deportivo Lugo, Deportivo, Rácing de Ferrol, Pontevedra, Celta B e o Dépor feminino.
O defensa central galego Róber Pier é unha das pezas fundamentais nun Levante que aspira a recuperar a categoría que perdeu este verán. (Foto: Europa Press).
photo_camera O defensa central galego Róber Pier é unha das pezas fundamentais nun Levante que aspira a recuperar a categoría que perdeu este verán. (Foto: Europa Press).

O Club Deportivo Lugo só leva tres triunfos nas 16 xornadas da Segunda División que se levan disputadas, sumando unicamente unha vitoria desde o 4 de setembro. Estes resultados, ademais de situar o conxunto albivermello nos postos de descenso, custáronlle o seu posto a Hernán Pérez, nunha situación que mostra certas similitudes coa traxectoria do seu rival de mañá, o Levante Unión Deportiva (16.15 horas, Ángel Carro).

Dirixido a comezos de tempada por un ex adestrador do Lugo, Mehdi Nafti, o mal papel do tunesino cun equipo recentemente descendido desde unha máxima categoría á que ten o regreso como único obxectivo levou ao seu despedimento hai un mes e medio. Desde entón, o seu substituto, Javi Calleza, conta os seus partidos por vitorias con un par de empates como únicas excepcións, unha traxectoria practicamente inmaculada que desexa emular o novo preparador do Club Deportivo Lugo, Fran Justo.

O ex do Arenteiro renunciou a competir co Atlético de Madrid na Copa do Rei coa escuadra do Carballiño para dar un salto ao baleiro de dúas categorías nun equipo que, desde a chegada á presidencia de Tino Saqués, non destaca pola súa paciencia cos adestradores, e moito menos tendo en conta que cada vez que deixa escapar puntos o decano da categoría ten menos posibilidades de lograr a salvación.

Desafortundamente, Justo está sancionado, polo que non poderá estar sentado no banco nun partido que lles esixirá aos seus "unha concentración e regularidade importante, pois os erros diminúen as opcións de vitoria ante un Levante que nos esixirá moito, pero imos ter as nosas opcións traballando os seus puntos débiles", manifestou o técnico ourensán.

Deportivo

Desde que o 'Caso Fuenlabrada' lle custara ao Dépor o descenso a Segunda B, a madrileña é unha das escuadras máis odiadas na cidade herculina. Agora, logo do descenso dos do sur da capital do Estado, chega o primeiro de dous morbosos duelos que neste inicial se disputará mañá ás 17 horas nun Estadio Fernando Torres onde non haberá ningún aficionado deportivista, oficialmente, por unhas "obras de reforma" que reduciron sustancialmente a capacidade do campo, impedindo así abrir as súas portas á parroquia branquiazul. De gañar, o Dépor ten moitas posibilidades de regresar á zona de play-off logo dunha ausencia de máis dun mes.

Rácing de Ferrol

Para iso deberá agardar por un tropezo ou ben do filial do Real Madrid ou dun Rácing de Ferrol que quere rematar dunha vez cunha malísima xeira de resultados na que sumou un punto dos últimos 15 posíbeis. Pero non será doiado, pois o seu rival será un sólido Mérida ao que recibirá na Malata mañá ás 17 horas.

Pontevedra

Non moito antes, ás 12 do domingo 26 de novembro, o Pontevedra aspira a saír por fin do descenso a costa do peor equipo da liga, un Atlético Ceuta que exerce como fechacancelas logo de sumar tres puntos en 12 partidos.

Celta B

O único duelo con intereses galegos que se desenvolverá hoxe será o San Fernando-Celta B (16 horas), compromiso entre dous conxuntos instalados na zona media da táboa que precisan gañar para aumentar a distancia que os separa da parte baixa.

Granadilla, duro rival para o feminino branquiazul

O Deportivo feminino, terceiro clasificado da Segunda División, aspira a reducir a distancia co líder Eibar, para o que terá que vencer o filial do Granadilla, escuadra tinerfeña que contra o seu primeiro equipo non obtivo bos resultados historicamente. Porén, no duelo de mañá en Abengondo (11 horas) as galegas son claras favoritas para facerse coa vitoria.

Comentarios